A teoría
‘Participar’ significa tomar parte en algo. A cidadanía pode
participar de moitos xeitos, de forma individual ou colectiva, nas institucións
públicas. Centrándonos nas entidades que forman parte da Administración local,
os concellos deberán establecer, mediante regulamento,
procedementos e órganos adecuados para a participación dos veciños nos asuntos
da vida pública local. A veciñanza pode exercer a iniciativa popular se vai apoiada polo dez por cento das persoas
con dereito a sufraxio en concellos coma Ames. Os municipios poderán someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia
propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os
intereses dos veciños. Ademais deberán impulsar a utilización interactiva das tecnoloxías
da información e a comunicación para
facilitar a participación e a comunicación coa cidadanía, así como favorecer o desenvolvemento das asociacións
facilitándolles o uso dos medios públicos e o acceso ás axudas económicas para
a realización das súas actividades. Isto é o que din a lei reguladora das bases
de réxime local e mais a lei de medidas para a modernización do goberno local.
A realidade adoita ir por outro lado.venres, 28 de outubro de 2016
xoves, 27 de outubro de 2016
CATASTRAZO: o Concello asume varias propostas das asociacións
1.
Informar con claridade sobre este asunto, en
especial sobre a posibilidade de fraccionar ou aprazar os pagamentos.
2.
Investir na zona rural o importe recadado a través da
regularización catastral do IBI.
3.
Asinar un convenio
entre a Dirección Xeral do Catastro e o Concello e Ames para que este último
lle transmita á outra as comunicacións que reciba da veciñanza en materia
catastral.
4.
Ofrecer, desde o departamento de Urbanismo do
Concello, os informes técnicos precisos para a mellor defensa dos usuarios afectados
negativamente pola regularización catastral que presenten algún recurso.
Se ben a primeira das propostas xa se está a realizar mediante unha campaña, queda
por ver como se materializarán as tres restantes. Cada unha delas adquire a súa
relevancia particular: a cuarta, evitará que os reclamantes paguen a técnicos
privados polos informes; a terceira impedirá que Ames se vexa afectado por
futuros ‘catastrazos’; e, a segunda, servirá para facer algo de xustiza. É
preciso evitar que esta última, cuxo importe se descoñece arestora, vaia disfrazada en forma de investimentos ordinarios
necesarios para as zonas rurais, senón que se plasme en novas actuacións
concretas distintas das que se realiza de maneira habitual neste ámbito.martes, 25 de outubro de 2016
O Concello ofrecerá asistencia xurídica e técnica aos afectados polo ‘catastrazo’
Tamén se compromete a que o incremento pola revisión catastral retorne
á zona rural
O luns 24 de outubro celebrouse en Bertamiráns unha reunión entre
o alcalde, catro concelleiros e os representantes de varias asociacións co
obxecto de tratar o problema da regularización catastral en Ames. O rexedor
comezou amosando a súa oposición a esta medida procedente da Administración xeral do Estado e repasou as xestións realizadas
polo Concello desde outubro de 2015 perante diversas entidades coa intención de mitigar os seus efectos, ata agora sen
resultados positivos para as persoas interesadas. Mantense o cobro retroactivo a
catro anos, non se ampliou o prazo para presentar alegacións e tampouco se
conseguiron eliminar os xuros do tres por cento nos pagamentos fraccionados.
O alcalde aproveitou a xuntanza para anunciar unha campaña
informativa centrada no pagamento fraccionado da contribución, con carteis e
tarxetas postais que se enviarán a todos os domicilios. Logo de petición das
asociacións, o presidente da Corporación ofreceu o apoio dos técnicos
municipais a aqueles usuarios que o precisen, tanto en aspectos xurídicos como
técnicos de urbanismo, sobre todo aos que teñan a intención de recorrer en vía
administrativa ou xudicial por mor dunha cualificación incorrecta dalgunha
construción ou por erros na medición da súa superficie. As asociacións tamén
animaron os edís presentes a asinar un convenio que habilite as oficinas
municipais a tramitar futuras declaracións de modificacións catastrais, evitando
así que a veciñanza teña que trasladarse ao Catastro cada vez que realice unha actuación,
por pequena que sexa, para dala de alta.
Así mesmo, reclamouse que a carga impositiva que agora recae
na súa maior parte no rural, volva dalgún xeito a esa zona. Os representantes
municipais aseguraron que están buscando alternativas de retorno beneficiosas nas
que ademais participe da xente. A maiores, adiantaron que no vindeiro Pleno do
27 de outubro se proporá a redución de ata o noventa por cento da
contribución que afecta ás construcións en explotacións destinadas a usos
agrogandeiros e forestais. Trátase, en definitiva, dun asunto complexo que transcende
o ámbito municipal, pero no que o Concello debe manterse implicado, atendendo e
axudando os dous mil veciños de Ames entalados neste atranco.
mércores, 19 de outubro de 2016
A forza que nos une
![]() |
Manifestación convocada pola Plataforma do Lixo |
O noso lazo de unión naceu dun problema xurdido en 2012: o
cobro retroactivo do lixo no ámbito rural ata os catro anos anteriores. Creouse
a Plataforma do Lixo arredor de
quince asociacións que reivindicaban frear este xeito tan cru de sanear as
contas do Concello por conta da cidadanía. A loita foi moi desigual, mais, co apoio
do pobo e a participación de todos os representantes da oposición, pelexamos en ámbitos administrativos e
xudiciais, e conseguimos que desde a xudicatura se recoñecese a deficiente
xestión do asunto e tamén que desde o Concello se rebaixase á metade a taxa do lixo no rural para
os vindeiros anos. Pero o logro máis importante foi a unión de toda a xente
fronte a unha medida puramente recadatoria da Administración.
No outono de 2015, apareceu un novo asunto de bastante máis
envergadura que o anterior. A chamada regularización
catastral dos propietarios de terras e casas foi outro xeito máis de
incrementar os ingresos municipais, nesta ocasión planificado desde Madrid. En
moitos casos, palletes, galiñeiros, cenadores, beirís, adegas, casetas, porches
e outros pasaron a se considerar parte da vivenda, o que aproveitou o Catastro
para incrementar o número de metros construídos e actualizar (ou sexa, subir) a
valoración do conxunto tamén catro anos para atrás. No outono de 2016 comezaron
a chegar os primeiros recibos e, en paralelo, as reunións dos representantes
das asociacións involucradas. Nisto estamos e esta é a forza que nos une: mirar
polo ben do conxunto de persoas que forman a comunidade de Ames.martes, 18 de outubro de 2016
Fibra óptica
Durante o final do verán e primeiros de outono de 2016
estanse a colocar novos cables de fibra óptica por varias zonas rurais do
concello de Ames para substituír os vellos cables de cobre usados por Movistar
(Telefónica).
venres, 14 de outubro de 2016
Regularización catastral
O Catastro está regularizando as
vivendas, outras construcións (palletes, adegas, galiñeiros, cenadores, casetas,
porches, etc.) e mais as fincas onde están situadas no caso de que se producise
algunha obra ou cambio construtivo que non lle fose comunicado ao propio Catastro.
martes, 11 de outubro de 2016
Acordos da última xuntanza
O luns 17 de outubro de 2016 ás 20.30 h celebrouse no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) unha reunión previa á constitución da Federación de Asociacións de Ames.
Reunidos os representantes das asociacións culturais ou veciñais Pedra do Fuso, O Corpiño, Trasmonte-Ames, San Pedro de Bugallido, Cobas, Paravent, Piñeiro e A Mercede de Lapido, adoptáronse os seguintes
Acordos
1. Dar os primeiros pasos para constituír a Federación de Asociacións de Ames.
2. Solicitar unha reunión co alcalde para falar dos problemas xurdidos arredor da regularización catastral.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)