martes, 21 de marzo de 2017

A política da posverdade



Que importa máis: a verdade, a mentira flagrante ou a verdade aparente? Dicir a crúa verdade pode incomodar en determinadas circunstancias polas consecuencias que comporta. Mentir abertamente non nos levará moi lonxe porque acabaremos caendo. Mais utilizar retrincos de verdade para adubialos a gusto e levar o discurso ao noso terreo, iso é outra cousa. Que algo aparente ser verdade pode resultar máis interesante e útil para os propios intereses que a verdade en si mesma. Ademais, todo o mundo di algunha mentira piadosa de cando en vez, non si?


Analicemos unha noticia de prensa para ilustrar o fenómeno da posverdade: “Críticas polo reparto dos 810.000 € do ‘catastrazo’ coa nova Fedarames” (El Correo Gallego, 9 de marzo de 2017). Ramón García Argibay, líder do partido político Pacto por Ames, nunha rolda de prensa convocada a xornada anterior para criticar a escasa achega de diñeiro ao rural no novo orzamento municipal, coincidindo co Día da Muller Traballadora, comeza a súa intervención lembrando que a muller traballadora amiense está “aínda” en peores condicións con este Goberno. Esqueceu dicir que un 8 de marzo de 2013, a secretaria do Concello asinara unha certificación relativa a unha moción pola que se censuraba o daquela rexedor no contexto dunha manifestación de varios centos de persoas producida días atrás contra o cobro retroactivo da taxa do lixo no rural, decidida polo Goberno do Partido Popular do que Argibay formaba parte nesa altura. Por esa malfadada decisión, moitas mulleres traballadoras verían minguados os seus ingresos de forma considerable.


Continúa a intervención criticando a aparición da Federación de Asociacións do Rural de Ames, que asinou o 24 de febreiro de 2017 un acordo co Goberno local para reinvestir no rural os 810.000 € que se prevén recadar en concepto de regularización catastral, asunto máis coñecido como ‘catastrazo’. As críticas céntranse en que esta organización non existe e en que é unha “mera pantomima entre Ames Novo e o Tripartito para xustificar o acordo de investimentos”. Óbviase ou ignórase que a federación está legalmente constituída desde 15 de febreiro de 2017, data en que as asociacións que a forman aprobaron os seus estatutos. Afírmase que é un instrumento político creado para asinar os orzamentos, cunha clara intención difamatoria sen fundamento ningún. E créase confusión presentando cifras diferentes coma se fosen a mesma: os 32.000 € mencionados de investimento, que proceden de fondos da Deputación Provincial, e os 810.000 € son a maiores do investimento ordinario que se realiza cada ano no rural, cantidade que non aparece por ningunha parte na noticia de Pacto por Ames.

En definitiva, que doado é barrer para a casa cando se manipulan os datos! Repetindo ata a saciedade argumentos cociñados, primeiro ante a prensa e logo polas parroquias para dar máis sensación de certeza e convicción. Creando falsos rumores e fomentando calumnias. Omitindo a parte da información que non interesa divulgar e evitando falar da totalidade dos asuntos, tan só pinceladas soltas. Mesturando datos de información con opinións propias negativas acerca do Goberno e dos seus novos orzamentos, datos dunha nova organización social de par de supostos manexos políticos, etc. Pero, onde está a verdade? O certo é que a verdade pouco importa, tan só interesa lograr unha determinada percepción social do que alguén quere presentar como ‘verdade’: a posverdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario