luns, 25 de setembro de 2017

A avespa asiática ou a pasividade da administración


En Galicia hai unhas 120.000 colmeas que producen unhas 1400 toneladas de mel ao ano, moi valorado pola súa calidade.

Dez avespas asiáticas abondan para eliminar unha colmea.

As avespas velutinas ameazan a polinización que realizan as abellas, cun valor estimado en máis de 300 millóns de euros anuais.





 

 
 


A expansión da avespa asiática ou velutina está a converterse nunha praga moi difícil de erradicar que pode chegar a ser un problema de saúde pública. Estes insectos chegaron a Francia en 2004 procedentes do sueste asiático nun barco de carga comercial e deste entón comezaron a estenderse, primeiro por territorios do país veciño con climas similares ao seu e desde 2010 polo norte de España ata chegar a Galicia nos últimos anos, onde xa se instalaron en máis de dous centos concellos. Esta avespa caracterízase polo seu gran tamaño (pode chegar aos catro centímetros de lonxitude), pola súa estrutura corporal extraordinariamente robusta e, sobre todo, por ser un depredador implacable que non ten inimigos naturais. Aliméntase, dependendo da época do ano, de froita madura, néctar das flores, diversos azucres e tamén recolle todo tipo de proteínas procedentes de restos de carne ou de pequenos insectos que caza. Entre eles, as abellas son os seus preferidos, tanto porque viven agrupadas en grandes colonias, como porque lles resultan moi doadas de capturar e pola proteína que lles proporcionan para a alimentación das súas larvas.

En Ames empezaron a verse as primeiras velutinas hai tres ou catro anos e arestora a súa presenza empeza a ser masiva debido sobre todo ao clima favorable, á gran cantidade de grandes árbores de folla perenne nos que acostuman a facer os seus niños, que poden chegar a almacenar uns 18.000 individuos, e a que non se están a combater de xeito sistemático. Ao mesmo tempo que elas se expanden, a produción de mel no noso concello vai baixando ano tras ano polos ataques aos que se ven sometidas as abellas. Acosan as abellarizas desde febreiro-marzo en que empezan a construír os seus niños primarios ata que chega o frío do outono e abandonan os niños secundarios para pasar o inverno na terra. As abellas, atemorizadas, deixan de recoller néctar, pole e mesmo auga, polo que ao teren menos alimento de calidade as raíñas poñen menos ovos, as colmeas debilítanse e producen menos mel. As colmeas pouco poboadas e mal alimentadas corren un gran risco de morrer durante o inverno, ou antes se continúa durante todo o verán e parte do outono a depredación por parte das avespas asiáticas.

Vista a dimensión deste problema, cómpre coñecer as actuacións das nosas institucións para combatelo. Máis de 5000 retiradas de niños e 13.000 chamadas de alerta ao teléfono de información 012 deberían ser suficientes para considerar a expansión da avespa asiática un asunto no que implicarse de cheo, como parece que se está a facer en varios países europeos contra outro insecto que enferma as oliveiras. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou en 2014/2015 unha estratexia de xestión, control e posible erradicación, seguida no papel por varias comunidades autónomas. En Galicia, replicando o texto de Madrid, cóntase desde 2016 cun programa específico de vixilancia e control, máis informativo que executivo, centrado no control e eliminación de niños  a partir de que a cidadanía chame aos teléfonos 012 ou 112 para avisar da súa presenza. Danse as circunstancias de que non se conta cos medios axeitados para resolver situacións complicadas, como cando os niños están a moita altura; de que ás veces os encargados de retirar cada niño poden tardar ata quince días en facelo; e de que no mes de setembro xa non retiran máis niños á espera de que desaparezan sos co mal tempo. Desde o Concello de Ames realizouse en 2017 unha pequena campaña de distribución gratuíta de trampas e líquido atraente entre a poboación. Neste municipio, o servizo de emerxencias e protección civil con sede en Brión elimina os niños logo dunha chamada ao teléfono 629871542 ou directamente ao concello (981803002). Tamén existen varias empresas privadas que retiran cada niño cun prezo a partir de 60 €, dependendo da dificultade do traballo.

Pero todo o anterior é insuficiente, pois non só a poboación de velutinas medra de forma exponencial ano tras ano achegándose cada vez máis a espazos habitados, senón que tamén se trata dunha especie cuxas picaduras poden resultar moi perigosas para as persoas. Ante este panorama, os apicultores e o conxunto da poboación están a tomar a iniciativa adoptando solucións propias para capturalas, ningunha das cales resulta completamente eficaz. O habitual consiste en colocar trampas máis ou menos caseiras de diverso tipo, que consisten polo xeral en recipientes con algún alimento ou líquido atraente dentro e con pequenas aberturas que permiten a entrada das avespas, que logo non atopan a saída. Tamén se chegaron a cubrir as colmeas con mallas metálicas ou con redes de pesca cunha única abertura frontal, para protexelas dos ataques verticais destes depredadores. Entre as últimas solucións coñecidas, destacan en primeiro lugar uns parches de insecticida derivado da nicotina e outros matainsectos moi prexudiciais para as abellas. En segundo lugar, está a investigarse o uso dun fungo que, mesturado con algún líquido con feromonas, atrae e atrapa estas avespas. E, finalmente, os científicos idearon unha arpa eléctrica, que consiste nunha estrutura de fíos paralelos colocada cerca de cada colmea que permite o paso libre das abellas, pero non o das velutinas, que morren electrocutadas ao tocaren coas ás dous fíos contiguos ao mesmo tempo. En situacións extremas, hai quen non dubida en chamuscar o niño cun soprete cando está á man ou mesmo en dispararlle un tiro de escopeta cando se atopa a moita altura.

No escenario actual, contrasta a rápida expansión deste insecto coas escasas medidas institucionais para freala, co pobo como primeiro e máis importante axente de contención. As necesidades de futuro pasan por que as administracións tomen a iniciativa fronte a esta invasión e lideren a loita, á parte de que a xente siga comunicando cada incidencia. Máis en concreto, bótase de menos que se execute:

-Un auténtico plan ou protocolo eficaz de actuación, que naza desde os estados afectados da Unión Europea e vaia conectando, de xeito reticular, todas as administracións públicas afectadas (administración xeral do estado, comunidades autónomas e entidades locais).

-Medios humanos, materiais e económicos suficientes ofrecidos desde as institucións públicas para abordar esta praga deste todos os puntos de vista: información, control, vixilancia, loita, etc.

-Coordinación das actuacións que se leven a cabo nas diferentes entidades para abordar o problema de forma global e non só parcial, aglutinando esforzos, iniciativas e recursos.

-Moito maior apoio aos proxectos de investigación dirixidos a elaborar solucións efectivas, baratas e fáciles de utilizar, como substancias químicas atraentes que resulten radicalmente eficaces para a solución deste combate desigual.

 



Preparación dunha trampa caseira

-Partir unha botella de plástico de litro e medio un pouco por riba da metade, conservando a parte superior co tapón, e abrir algún pequeno oco na parte inferior cara a arriba.

-Botar na botella un vaso de cervexa (mellor, negra); un vaso de viño branco ou de vinagre (para que non vaian as abellas); e un chorro de zume de grosella, de framboesa ou da froita que se teña á man.

-Tapar coa parte de arriba da botella colocada do revés.

-Colocar a trampa pendurada dunha árbore, dun balcón ou preto das colmeas.
 







 
 
 



 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario