As especies invasoras, coma o caso da avespa asiática, teñen
polo xeral unha gran capacidade de adaptación e de dispersión. Os métodos de
loita deben respectar o resto de fauna e flora e non eliminar outras especies
locais, coma pasa cando se usan fortes velenos que matan as abellas, as avespas
autóctonas e outros insectos. A procura dunha solución parece que pasa por
elaborar un programa de loita que sente na mesma mesa de traballo as diferentes
administracións públicas, os representantes dos apicultores e os científicos
para, entre todos, poñer en marcha un plan con medidas de vixilancia,
prevención e loita contra esta especie. Á espera de que se descubran novos
métodos de loita eficaces, convén ter en conta as seguintes recomendacións.
-Hoxe en día non existe ningunha trampa que sexa realmente
selectiva para cazar só velutinas ou só raíñas desta especie.
-Cada niño pode ter máis de 500 femias capaces potencialmente
de se reproduciren: a morte das fundadoras pode estimular o proceso reprodutivo
doutras.
-Unicamente en caso de ataque ás abellarizas, é cando se
deben colocar trampas preto das colmeas entre xuño e outubro-novembro.
-É posible reducir o estrés das abellas cubrindo as colmeas
cunha malla metálica ou cunha rede de pesca.
-A destrución de niños resulta o método máis eficaz para
diminuír a poboación de avespas asiáticas. Deberá facerse durante a noite ou ao
amencer, cando están todos os individuos dentro. De realizar a destrución do
niño durante o día, as avespas que queden fóra botarán varios días anoxadas e
acabarán construíndo axiña outro niño preto do primeiro.
-A mellor técnica de destrución consiste nunha pértega
telescópica a través da cal se inxecta un insecticida no niño, que logo se ha
de queimar. Outra opción é envolver o niño cun saco, sempre que sexa accesible
e se conte co equipamento adecuado. Ultimamente tamén se están a utilizar drons
para a fumigación dos niños.
-Recoméndase chamar ao servizo de emerxencias e protección
civil para que se encargue do traballo de fumigación, recollida e destrución de
niños de forma segura.
-Uns parasitos dalgunhas especies de mosca, así como algúns
vermes, unha vez que entran en contacto coas velutinas, poden chegar a reducir
a súa poboación á metade ou mesmo producir a desaparición de colonias enteiras.
Tamén se está investigando con certo tipo de fungos que, mesturados cun líquido
atraente, acaben matando estas avespas.
-As abellas europeas, igual que fan as súas primas asiáticas,
están a desenvolver un sistema de defensa contra ataques ocasionais consistente
en formar unha piña arredor da velutina coa intención quentala ata os 45 graos,
temperatura que as abellas soportan e a avespa non, polo que acaba sucumbindo.
Para rematar, recollemos unhas imaxes nas que se poden
apreciar diversas técnicas artesanais empregadas polos apicultores para protexer as súas
colmeas dos ataques das avespas asiáticas.




______________
En Francia, existen diversas institucións
traballan en proxectos de investigación e actividades relacionadas coa loita
contra a avespa asiática. A xeito de exemplo, poden consultarse as seguintes
ligazóns:
Ningún comentario:
Publicar un comentario