Primeiro apareceu o asunto
do lixo: de entrada non había recibo para a zona rural de Ames e logo tocoulles
pagar catro anos de atrasos a miles de usuarios. Despois chegou a regularización catastral: construcións novas ou cambios nas existentes non
declarados á Dirección Xeral do Catastro supuxeron una sanción de 60 euros, a recualificación
do valor da vivenda, dos anexos e da finca, así como pagar os atrasos doutros
catro anos. Dous tributos, unha taxa e un imposto, cos que dúas
Administracións públicas están a seguir a mesma estratexia.
O cobro da taxa do lixo foi decisión da Corporación municipal en 2012 para
cadrar as súas contas. O imposto derivado da revisión catastral decidiuno
Ministerio de Facenda en 2013, tamén para sanear as arcas dos concellos. As
dúas actuacións parécense máis do que se diferencian, xa que mediante elas recae
nunha parte da cidadanía unha carga impositiva extraordinaria que ingresa o
Concello. E tamén en ambas é unha Administración a que toma a iniciativa de
cobrar por un servizo que non cobraba, no caso do lixo, ou de subir moito máis
o imposto de bens inmobles, no caso da contribución.
Cabe preguntarse qué clase de gobernantes temos, que
pretenden resolver todos os problemas a base de subir a tributación. Algún
pensa na xente? Algunha estratexia política vai dirixida a cobrarlle máis a
quen máis ten e menos aos menos podentes? Ou a maioría colle pola vía do medio,
cargando todo no lombo da veciñanza mentres se repite o mantra de que son decisións
inevitables, culpa doutros ou impostas pola lei? Cal será a seguinte xogada?
Ah! Si!: o recorte de 5.500 millóns de euros que lle impón a Unión Europea ao
Estado español xa sabemos quén o vai pagar. Veremos cómo!