Actividades


 

 
 

FEDERAMES

 

MEMORIA DE ACTIVIDADE 2017


 

 

ÍNDICE

 

Introdución

 

1.Análise DAFO para a creación da federación

-Fortalezas internas

-Oportunidades externas

-Debilidades internas

-Ameazas externas

 

2. Actividades realizadas

1.1. Acordo sobre o reparto do recadado en concepto de regularización catastral

1.2. Colaboración

1.3. Participación

1.4. Asesoramento e cooperación en varias áreas municipais

1.5. Xuntanzas da federación e outras reunións celebradas

 

3. Outros servizos e actuacións

3.1. Eventos

3.2. Escritos presentados perante diversas instancias

3.3. Contactos con outras federacións rurais

3.4. Información e asesoramento

3.5. Agradecementos

 

4. Orzamento de ingresos e gastos

       

Anexos

1. Texto do acordo relativo ao ‘catastrazo’.

2. Alegacións presentadas ao proxecto de orzamentos participativos.

3. Relación de xuntanzas celebradas polos membros da Federación.

4. Relación de xuntanzas celebradas entre membros da Federación e outras institucións e persoas.

5. Relación de escritos dirixidos a diversas entidades públicas.

6. Títulos dos artigos publicados no blog.


 

Introdución

 A Federación de Asociacións do Rural de Ames (FEDERAMES) naceu o 15 de febreiro de 2017 para defender os intereses da veciñanza das zonas rurais de Ames, fomentar a participación cidadá na vida pública e o asociacionismo, e coordinar actividades de ámbito municipal. FEDERAMES xorde porque a xente debe ter voz propia nas institucións para a defensa dos seus intereses e porque debe escoitarse a súa opinión en asuntos de interese xeral.

A Federación de Asociacións do Rural de Ames constituíuse coas seguintes asociacións: Pedra do Fuso (Ames), O Corpiño (Ames), Monte do Crego (Trasmonte), San Pedro de Bugallido, Covas e Paravent (Biduído). Posteriormente incorporáronse dúas asociacións máis: Tras do Río de Tarrío (Bugallido) e O Quinteiro de Coira (Biduído). Tamén asisten ás xuntanzas José Fajín Villasenín de Piñeiro, como membro colaborador, e representantes da asociación de Riamonte, como invitados.

A Federación de Asociacións do Rural de Ames ten a súa sede no Montiño, número 12, Covas, 15864 Ames, onde se realizan polo xeral as súas xuntanzas.

As principais liñas de actuación de FEDERAMES en 2017 seguiron tres camiños:

-Unha actividade divulgativa que serviu para dar a coñecer determinados asuntos ou a mesma federación;

-Unha actividade executiva na que se desenvolveron actuacións sos ou en colaboración con outros; e

-Unha actividade interna de xestión e organización da propia federación.

Como colectivo que está empezando a súa andaina, estes primeiros meses ocupou máis tempo a actividade interna (xuntanzas, redacción de actas, escritos e artigos do blog); non obstante, tamén se executaron proxectos de grande interese (como o acordo co Concello para a devolución do ‘catastrazo’) e unha xornada cultural, ademais de realizar diversos contactos con outras agrupacións e persoas buscando formar fronte común ante problemas compartidos.


 

1.   Análise DAFO para a creación da federación

Consiste en identificar un conxunto de elementos característicos dunha organización (neste caso, 20) agrupados en catro parámetros: dous internos (fortalezas e debilidades) e dous externos (oportunidades e ameazas); dous positivos (fortalezas e oportunidades) e dous negativos (debilidades e ameazas). O obxectivo principal é potenciar os aspectos positivos e traballar para converter os negativos en positivos.

 

+  FORTALEZAS INTERNAS
 
● Teremos máis forza xuntos que separados: poderemos realizar como federación actividades inabarcables desde as asociacións.
● Contamos cun equipo directivo compacto, solvente e experimentado.
● Unha filosofía ben definida: temos as ideas bastante claras en materia de organización, funcionamento e liña a seguir.
● Detéctase certa intención de traballar en iniciativas que transcendan o ámbito concreto dunha asociación.
● Existe a opción de solicitar a declaración de utilidade pública autonómica para poder recibir doazóns, obter un réxime fiscal especial, beneficios económicos e asistencia xurídica gratuíta.
 
+  OPORTUNIDADES EXTERNAS
 
● As nosas actividades beneficiarán a un gran número de persoas, que poderán ser as nosas aliadas no futuro.
● Máis peso ante as institucións, disuadindo a estas de tomar decisións contrarias á cidadanía en xeral ou a determinados sectores en particular.
● Establecer canles de colaboración en determinadas actuacións do Concello e da Deputación dirixidas ás asociacións.
● Usar Internet e a prensa para difundir o noso labor e para compartir coñecemento.
● Confederarnos con outras federacións para intercambiar experiencias e fortalecernos mutuamente.
 
-  DEBILIDADES INTERNAS
 
● Representatividade limitada debido á pequena dimensión da boa parte de asociacións federadas.
● Pouca implicación previsible dunha parte dos membros.
● Choques entre asociacións do ámbito rural e do urbano; entre asociacións veciñais e o resto; e entre as do norte e as do sur.
● Pretensión de converter a federación nunha asociación grande.
● Carecemos de medios económicos.
 
 
-  AMEAZAS EXTERNAS
 
● Pouca implicación da xente en xeral cara ao asociacionismo.
● Risco de que a federación sexa considerada un novo partido político.
● Escasa atención ás asociacións por parte do Concello.
● Entrada de asociacións maliciosas ou controladoras.
● Influencia negativa dos políticos nas actividades da federación a través de membros vinculados politicamente ou por outras canles.


 

2. Actividades realizadas

2.1. Acordo sobre o reparto do recadado en concepto de regularización catastral

O día 24 de febreiro de 2017, o Concello de Ames e a Federación asinaron un acordo (véxase o texto do acordo no anexo 1) para a repartición no rural do importe recadado en concepto de regularización catastral. Este importe investirase a maiores do ordinario previsto para este fin destinado ás aldeas.

O montante inicialmente calculado era de 988.000 €, aínda que ao final se espera recadar un 18% menos, 810.000 € efectivos. Esta cifra vaise repartir, en principio, en tres anualidades entre 2017, 2018 e 2019 a non ser que se poida facer antes. A cantidade destinada a cada exercicio dividirase en dúas partidas, unha de 150.000 € para investimentos en infraestruturas de saneamento e similares e outra de 132.000 € para unha nova liña orzamentaria denominada “orzamento participativo”, de cuxas bases xa se facilitou un borrador.

Representantes das asociacións veciñais e representantes do Concello serán os encargados de decidir sobre o investimento das partidas anteriores. Así mesmo, o Goberno municipal comprométese a facilitar unha relación de investimentos previstos para o rural en 2017, a partir da cal se han computar as novas actuacións previstas.

2.2. Colaboración

Aínda que a Federación non colabora directamente en ningunha comisión municipal, si mantivo contactos previos co Concello ao respecto e as asociacións federadas teñen representantes no grupo de traballo para investimentos básicos e algúns membros da Federación forman parte tamén da comisión de orzamentos participativos, presidida por Mari Carmen Lemos, de Covas.

2.3. Participación

No orzamento municipal para 2017, aprobado no Pleno do 18 de abril, recóllese unha partida de investimentos, por un importe de 132.000 €, denominada “orzamentos participativos” (véxase as bases reguladoras nesta ligazón: http://www.concellodeames.gal/media/documentos/bases_reguladoras_orzamentos_participativos_definitivo.pdf), cuxa finalidade é que a cidadanía decida, primeiro directamente e logo a través dos seus representantes veciñais, a que actuacións de competencia municipal se vai destinar. Este investimento irá destinado ás zonas rurais do concello, polo que varios membros da Federación presentaron diversas alegacións que se recollen no anexo 2.

2.4. Asesoramento e cooperación en varias áreas municipais

Achegáronse propostas para as seguintes iniciativas:

-Problema do lixo;

-Transporte intramunicipal;

-Limpeza dos regatos;

-Apoio a proxectos relativos a investimentos infraestruturais -sendeirismo-.

2.5. Xuntanzas da federación e outras reunións celebradas

As asociacións agrupadas na Federación e outras que decidiron non federarse mantiveron máis de vinte xuntanzas internas e cos representantes municipais para tratar dos moitos problemas e inquedanzas que tocan ás zonas rurais e a forma de solucionalos a través de investimentos incluídos no novo orzamento municipal. Véxase nos anexos 3 e 4 a relación de xuntanzas celebradas en 2017.

Contactouse con representantes das asociacións de Tarrío e de Coira para informalos das vantaxes de federarse, cousa que finalmente se logrou o 5 de abril. Así mesmo,  mantivéronse diversos contactos con outras asociacións rurais de Ames (Riamonte, Piñeiro, Ameixenda, Lapido, etc.) na procura de colaboración mutua ou buscando a súa integración na Federación.

 

3. Outros servizos e actuacións

3.1. Eventos

O 25 de novembro celebrouse, na Casa da Cultura do Milladoiro, a mesa redonda titulada “Control e loita contra a avespa asiática”, moderada por Benxamín Dosil, na que participaron estes relatores:

-Xulio Maside, profesor de bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela;

-Laura García, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura;

-Diego Sánchez, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego;

-Jesús Orejas, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Xunta de Galicia;

-Elisa Gago Moldes, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade da Xunta de Galicia.

3.2. Escritos presentados perante diversas instancias

Elaborouse gran cantidade de escritos dirixidos ao Concello de Ames sobre diversos asuntos e á Xunta de Galicia para rexistrar a Federación no Rexistro de Asociacións (véxase o anexo 5). Dos remitidos á entidade municipal, uns tratan dos problemas derivados do ‘catastrato’, os investimentos no rural para 2017 e a recollida do lixo; e outros conteñen diversas solicitudes de datos, información ou similares que buscan impulsar a acción política en varias direccións (orzamento municipal e investimentos, recollida do lixo, colexio de Barouta, etc.).

3.3. Contactos con outras federacións rurais

No mes de outubro, celebrouse unha reunión informal con tres representantes da federación de asociación do rural de Santiago de Compostela, froito das cales se elaborou un borrador de comunicado de prensa no que se expresaba a nosa preocupación polos incendios. Quedouse en manter outra xuntanza máis formal entre ambas as directivas.

3.4. Información e asesoramento

Usamos o noso blog (https://federames.blogspot.com.es/) para orientar a asociacións e particulares acerca de temas de interese, liñas de subvención, ofrecer noticias de actualidade, xuntanzas realizadas, etc. Ademais, calquera persoa pode achegar ideas a través dunha conta de correo electrónico (federames@gmail.com) ou colaborar con artigos de opinión sobre asuntos de interese para as asociacións do rural. Arestora xa contamos con 25 artigos publicados, que versan sobre a participación cidadá, o ‘catastrazo’ o transporte público, a fibra óptica, etc. (véxase o anexo 6).

3.5. Agradecementos

Queremos agradecerlle á avogada Montserrat Calvo Ríos o seu asesoramento xurídico en diversos aspectos relacionados cos expedientes de cobro da taxa do lixo referidos aos anos 2009, 2010 e 2011.

Así mesmo, agradecemos a colaboración de Elisa Dosil Colomer, secretaria de Administración local, pola súa axuda e orientación en asuntos relacionados coa tramitación de varios procedementos municipais e a presentación de varios escritos.

Igualmente, FEDERAMES agradece a participación desinteresada de Xulio Maside, Diego Sánchez, Jesús Orejas e Elisa Gago na mesa redonda sobre as velutinas.

 

4. Orzamento de ingresos e gastos

A federación iniciou a súa actividade con 0 €. A extinta Plataforma do Lixo, da que foron membros varios socios de FEDERAMES, acordou doar a esta todo o seu remanente patrimonial, que ascendía a 325 €. A actividade realizada durante 2017 pola federación implicou os seguintes gastos:

-Inscrición no Rexistro de Asociacións: 53,61 €.

-Deseño e impresión dos carteis para a mesa redonda: 71,39 €.

-Participación da representante de AGA na mesa redonda: 71 €.

-Consumo de auga relatores mesa redonda: 6 €.

-Solicitude de certificación do Rexistro de Asociacións para NIF: 3,58 €.

Total orzamentos de gastos 2017: 205,58 €.

 

Anexos

 

ANEXO 1. Acordo


 (...)

ANEXO 2. Alegacións ás bases reguladoras dos orzamentos participativos

a) COMENTARIOS DE BENXAMÍN DOSIL AO DOCUMENTO “ORZAMENTO PARTICIPATIVO” DO CONCELLO DE AMES

Concepto de participación

O aspecto clave da participación é a substitución da democracia representativa pola democracia directa, onde o pobo poida debater e decidir sobre o orzamento e as políticas públicas considerados na súa totalidade ou en parte. Considérese este un obxectivo finalista máis que unha necesidade para completar a curto prazo.

Beneficios da participación

Dos múltiples beneficios que ofrece este sistema destaco o de crear unha cultura democrática na poboación e afortalar o tecido social, implicando máis a cidadanía na toma de decisións políticas. Pero este factor positivo esixe que se dean determinadas condicións no contexto social e político no que se vai implantar. Se ben en Ames hai unha clara vontade política de iniciar este proceso, se a xente non participa non vale de nada abrir liñas de participación. Aquí opino que as regras do xogo non se deben decidir unilateralmente, senón que deben tomarse conxuntamente coa poboación desde o principio, non só mediante información, tamén por todos os medios posibles.

Posta en marcha do proceso participativo

Antes de calquera decisión de destinar fondos a un proceso participativo, debe realizarse unha análise da situación, que cada municipio pode levar a cabo mediante os mecanismos que considere máis adecuados, como por exemplo realizando matrices de diagnóstico. Tamén é preciso identificar os actores interesados e os opostos ao proxecto escoitando as súas razóns en cada caso. Descoñezo se no Concello de Ames se fixo algo ao respecto destes dous aspectos.

Así mesmo, é prioritario buscar alianzas ampliando o diálogo con actores relevantes da sociedade civil que poidan implicarse no proceso explicándolles os beneficios para eles. Un regulamento de participación cidadá ou un específico referido ao orzamento participativo sería a referencia da que partir. Se ben a participación ten vontade universal, o regulamento debería contemplar cal é o papel de cidadáns organizados, cidadáns ou colectivos máis marxinados, etc.

Etapas claves no proceso participativo

Polo tanto, neste proceso resultan claves: a etapa de negociación, discusión e elaboración do orzamento de participación, xunto coa redacción do seu regulamento interno; a etapa de creación dunha liña orzamentaria destinada á participación, que debería ter unha certa vontade de permanencia no tempo para non ser un simple reparto de esmolas; e a etapa de priorización das demandas, dado que os recursos son limitados. Con respecto a esta última, precísase ter claros os criterios que rexerán a escolla de proxectos que, polo xeral, poderán ter pesos diferentes e estarán relacionados co número de persoas afectadas; con que sexan prioridades sinaladas polos habitantes, sobre todo se aquelas son de tipo básico; co grao de participación no proceso; coa implicación da veciñanza no desenvolvemento da iniciativa; etc.

A fase de rendición de contas, ademais do papel da Comisión de Orzamentos Participativos, pódese levar a cabo mediante unha variada gamma de formas: folletos, anuncios, intervencións públicas, espazos web, auditorías, etc.

Por fin, o Goberno local intervén na decisión de destinar determinada parte do orzamento á participación, en facilitar o proceso e en executar as decisións, “apoderándose” das decisións tomadas nos espazos participativos. As tomas de decisión deben pivotar entre o Pleno municipal e a Comisión de Orzamentos Participativos. Ao mesmo tempo, estes deben velar por que o novo proceso non interfira noutros existentes con similares finalidades, coma tal en materia de investimentos.

Participación cidadá no proceso participativo

Como xa dixen, nun proceso participativo consolidado non sería preciso contar con representantes comunitarios, senón unicamente coas persoas individuais. Non obstante, nesta fase inicial de paso dunha democracia participativa a unha democracia directa creo que resulta crucial o papel dos representantes de colectivos sociais implicados, teñan ou non máis privilexios que os cidadáns. Contactar con estes representantes pode ser unha maneira rápida, por exemplo, de coñecer as necesidades reais de amplos sectores da poboación. Logo, nas asembleas xerais tocaríanse estes asuntos e outros que puidesen xurdir. Do mesmo xeito, como na Comisión de Orzamentos Participativos só pode haber un número limitado de persoas, é conveniente escoller ben estas para que recollan o mellor posible as necesidades, as transmitan e canalicen ata a súa execución definitiva. Esta comisión adoita durar un ano e estar composta por un amplo número de membros, sexan estes representantes, actores sociais, institucionais ou todos eles. Tamén cómpre prever as consecuencias de que determinados colectivos non desexen participar en ningún proceso participativo ou en algún concreto.

Principais dificultades nos procesos de participación

Unha vez implantado o proceso de forma adecuada, o primeiro obstáculo está vencido. Logo entra en xogo a escasa capacidade de comunicación que adoitan ter os concellos cara á cidadanía: se non se difunde ben proceso, non hai nada que facer; razón de máis para implicar desde os inicios aos axentes sociais como intermediarios; nesta fase resulta clave unha correcta utilización de Internet. A seguir vén a outra cara da moeda: a escasa cultura participativa da xente, que deberá vencerse realizando non só campañas informativas, senón tamén campañas de fomento que incidan nas bondades e beneficios do proceso. Doutra banda, os vellos hábitos de traballo administrativos son inadecuados para facer que avance a participación: ten que haber unha cultura de transparencia, de interrelación de departamentos, de programas de traballo por obxectivos ou similares nos que a participación forme parte.

 

b) PROPOSTA DE MODIFICACIÓNS ÁS BASES REGULADORAS DO ORZAMENTO PARTICIPATIVO CONCELLO DE AMES ELABORADA POR MARI CARMEN LEMOS

Observacións

Parece máis oportuno aprobar unhas bases reguladoras do orzamento participativo do Concello de Ames sen vencellar directamente ao ano 2017, deste xeito non teremos todos os anos que redactar unhas bases novas, publicitalas, revisalas, para máis tarde presentar alegacións e finalmente aprobalas.

Se conseguíramos aprobar unhas bases realmente participadas, o único que deberíamos negociar cada ano sería o importe destinado a este fin.

Nas bases non queda moi definido o desenvolvemento do proceso de votación no seo da Comisión. Á hora de seleccionar as diferentes propostas, sobre todo se xurden discrepancias ao respecto, deberíamos buscar unha fórmula de ponderación o máis obxectiva posible.

 

Puntualizacións do texto que se nos presenta:

Punto 1.- Qué son os Orzamentos Participativos?

O Orzamento Participativo (OP) é unha ferramenta activa de participación e xestión na que a cidadanía, os colectivos e as asociacións presentan propostas respecto do destino dunha parte dos recursos municipais. Estas propostas serán estudadas e avaliadas por unha Comisión participada que seleccionará as propostas que se executarán durante o exercicio orzamentario.

O obxectivo desta primeria iniciativa de OP no Concello de Ames é conformar un espazo de colaboración e xestión conxunta coa cidadanía que se desenvolverá en 5 fases.

Nada que obxectar ás dúas primeiras fases pero obvian a constitución da comisión, polo que a 3ª fase podería redactarse do xeito seguinte:

3ª Fase: Constituirase unha comisión para o desenvolvemento dos orzamentos participativos. Comisión que, unha vez dipoña da relación de todas e cada unha das propostas presentadas, debatirá e dicidirá aquelas técnicamente viables é máis necesarias.

4ª Fase: Os representantes políticos electos comprometeranse a acometer as actuacións que sexan seleccionadas.

Neste proceso de reflexión colectiva garantirase en todo momento a transparencia e a participación cidadá e buscarase a implicación da cidadanía para definir novos espazos de construción colectiva e de interrelación entre as institucións e o pobo.

Este documento definirá as regras deste proceso de OP no Concello de Ames.

Non parece que a primeira parte do punto 3 sexa imprescindible para a redacción destas bases, son cuestións técnicas que pouco teñen que ver co desenvolvemento deste proceso, polo que podería comezar en:

Na elaboración dos orzamentos, o Concello de Ames coa fin de levar a cabo un MODELO DE ORZAMENTO PARTICIPATIVO DIRECTO, reservará unha parte do Capítulo VI (Gastos de Investimentos) para financiar proxectos ou infraestruturas no RURAL que decidirán as/os amesáns, centrándonse nas demandas do rural representadas polas diferentes parroquias do Concello de Ames, de acordo con estas bases reguladoras.

Punto 4.- Comisión de Orzamentos:

Para o desenvolvemento de todo o proceso designarase unha Comisión de Orzamentos Participativos (COP) que estará composta por:

- Membros do goberno

- Persoal técnico municipal

- Representantes das diferentes Asociacións Veciñais do Rural

As funcións dos membros do goberno e dos representantes das asociacións veciñais na COP serán:

1. Coordinar o proceso de participación, dinamizar e promover a participación das asociacións veciñais e da cidadanía en xeral.

2. Realizar as asembleas informativas nas Parroquias

3. Establecer os mecanismos e ferramentas de participación cidadá: canalizar as suxestións.

4. Estudo, selección e valoración das propostas de acodo cos criterios de ponderación establecidos nestas bases. Elaboración da relación definitiva das propostas.

5. Seguimento e avaliación do proceso en xeral: execución orzamentaria, cuestións relativas co gasto, tempo de execución, calidade das obras e cumprimento dos criterios establecidos no proceso.

A función do persoal técnico municipal dentro da COP será a valoración técnica, legal e económica das propostas, así como o levantamento das actas de cada sesión reflectindo os acordos acadados.

5.- Ámbito de actuación:

.

Para isto, estas bases recollen a proposta do goberno de participación directa da veciñanza de Ames asignando unha cantidade previamente acordada coas asociacións veciñais do RURAL como Orzamento participativo destinado a gastos do Capítulo VI (Investimentos Reais) cun reparto equitativo para todas as parroquias do rural.

 

c) PROPOSTAS XERAIS E RECOMENDACIÓNS PARA A XUNTANZA SOBRE PARTICIPACIÓN

PROPOSTAS

-Distinguir estes textos: son precisos un regulamento de orzamentos participativos e unhas bases específicas que se publiquen cada ano, ambos feitos a partir dun regulamento de participación veciñal.

-Incluír a cidadanía no proceso de participación: a cidadanía pode colaborar na redacción do texto, na información e dinamización da participación e na comisión, ademais de participar directamente nas asembleas, achegar ideas e formar parte da comisión.

-Reducir o papel do Concello: agora fixa o importe, establece o reparto inicial, os ámbitos prioritarios, a composición da comisión (e forma parte dela), modera as asembleas veciñais, selecciona as ideas e realiza as actuacións. Debería deixar parte dos seus cometidos en mans do voluntariado cidadán.

-Cambiar a composición da comisión: debería entrar a cidadanía e saír os representantes do Concello e tamén os das asociacións. As súas funcións básicas deberían centrarse en escoller, priorizar e avaliar as propostas. Todos os demais labores, sobre todo organizativos e de coordinación, deberían pasar ás mans da cidadanía.

-Cambiar o papel das asociacións veciñais: agora mesmo prevese que formen parte da comisión e que convoquen a veciñanza para as asembleas parroquiais. O seu cometido debería centrarse en colaborar na redacción das bases reguladoras e en indicar as necesidades das parroquias durante a primeira xuntanza co Concello/comisión. Non deberían formar parte da comisión porque logo terían que valorar as ideas presentadas, algunhas procedentes das mesmas asociacións que están a decidir, o cal podería viciar o proceso. Nesa mesma xuntanza inicial, a federación achegaría ideas de carácter máis xeral que abranguesen o conxunto das parroquias.

RECOMENDACIÓNS

-Traballar máis o papel da cidadanía en todo este proceso participativo para lograr a súa satisfacción, reducindo o papel do Concello e o das asociacións veciñais.

-Non decidir proxectos ata coñecer as previsións de investimento para as zonas rurais procedentes de Blas.

-Non marcar criterios prioritarios de selección ata escoitar, recibir e estudar as propostas (como a mellora da calidade de vida, o número de destinatarios...).

-Escoller e potenciar catro ou cinco grandes áreas de investimento de alcance xeral, pero concretas nas súas especificacións (por exemplo, o transporte, as rutas de sendeirismo, a calidade das augas, etc.).

-Papel da comisión: deixar que a comisión decida sobre as dúas últimas cuestións (marcar criterios prioritarios de selección e potenciar varias áreas de investimento), sobre o reparto de fondos en funcións das necesidades e dos proxectos máis que de forma equitativa por parroquias e sobre o seu seguimento e control posterior.

 

ANEXO 3. Relación de xuntanzas celebradas polos membros da Federación


Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: repaso da actividade desenvolvida en 2017.
Data: xoves 21 de decembro de 2017, ás 21.00 h.
Lugar: local social de Covas

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: preparativos da mesa redonda sobre a avespa asiática e encontro con FERUSA.
Data: martes 31 de outubro de 2017, ás 21.00 h.
Lugar: local social de Covas.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: análise do estado dos dous principais compromisos adquiridos no acordo asinado co Concello: investimentos básicos e orzamentos participativos.
Data: xoves 21 de setembro de 2017, ás 21.00 h.
Lugar: local social de Covas.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: estado de situación de varias actuacións municipais.
Data: xoves 28 de xuño de 2017, ás 21.00 h.
Lugar: local social de Covas.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: problema do lixo, reunións co Concello e outros asuntos.
Data: mércores 3 de maio de 2017, ás 21.00 h.
Lugar: local social de Covas.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: novas solicitudes de ingreso (asociacións de Coira e Tarrío) e necesidades de investimento no rural para 2017.
Data: mércores 5 de abril de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: local social de Trasmonte.

Acto: xuntanza da federación. Están tamén convidadas as asociacións non federadas do concello.
Asuntos principais: ideas e necesidades das asociacións e das parroquias para presentarllas ao Concello.
Data: martes 21 de marzo de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: local social de Augapesada.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: postura da Federación sobre o ‘catastrazo’.
Data: mércores 1 de febreiro de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: local social de Bugallido.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: achega de necesidades das parroquias e negociación co Concello para o reparto do ‘catastrazo’.
Data: mércores 15 de febreiro de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: local social de Covas.

Acto: xuntanza da Federación.
Asuntos principais: decidir se se asina co Concello a proposta de acordo sobre o ‘catastrazo’.
Data: xoves 23 de febreiro de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: local social de Covas.


 

ANEXO 4. Relación de xuntanzas celebradas entre membros da Federación e outras institucións e persoas

 

· Asunto: ‘catastrazo’

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión con representantes do Concello.
Asuntos principais: clarexar e concretar a posición de ambas as partes con respecto á proposta municipal de reparto do ‘catastrazo’.
Data: luns 20 de febreiro de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión co alcalde.
Asuntos principais: asinamento do acordo sobre o ‘catastrazo’.
Data: venres 24 de febreiro de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión con representantes do Concello.
Asuntos principais: posta en marcha do pactado no acordo mutuo asinado en febreiro.
Data: martes 28 de marzo de 2017, ás 20.30 h.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

FEDERAMES-Elisa Dosil

Acto: reunión con esta secretaria municipal.
Asuntos principais: coñecer as mellores estratexias de defensa dos intereses dos afectados.
Data:
concretar data, ás 17.00 h.
Lugar: casa da secretaria.

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión con representantes do Concello.
Asuntos principais: seguimento do acordo no relativo a investimentos básicos.
Data: semana do 25 de decembro de 2017.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

 

· Asunto: orzamentos participativos

 

FEDERAMES E ASOCIACIÓNS VECIÑAIS NON FEDERADAS
Acto: reunión con representantes do Concello.
Asuntos principais: bases reguladoras dos orzamentos participativos municipais.
Data: luns 8 de maio, ás 20.00 h.
Lugar: salón plenario do Concello.


FEDERAMES-CONCELLO
Acto: reunión con representantes do Concello.
Asuntos principais: alegacións ás bases reguladoras dos orzamentos participativos municipais.
Data: concretar data, ás 20.00 h.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

· Asunto: problemas do lixo (pasado e presente)

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión coa concelleira de Economía e Facenda e mais coa interventora.
Asuntos principais: coñecer o estado de situación actual do problema e expoñer a nosa versión do problema no pasado.
Data:
concretar data, ás 15.00 h.
Lugar: salón plenario do Concello.

 

FEDERAMES-Montserrat Ríos

Acto: reunión con esta avogada especialista en dereito administrativo.
Asuntos principais: saber se os cobros retroactivos que empezaban a chegar ás casas estaban ou non en prazo.
Data:
concretar data, ás 16.30 h.
Lugar: bufete da avogada.

 

· Asunto: limpeza de ríos e regatos

 

FEDERAMES-CONCELLO

Acto: reunión co concelleiro de Medio Ambiente.
Asuntos principais: propoñer desde a Federación novas actuacións na limpeza dos ríos e regatos.
Data: xoves 11 de maio, ás 18.00 h.
Lugar: salón plenario do Concello.



ANEXO 5. Relación de escritos dirixidos a diversas entidades públicas e privadas

· Asunto: devolución do ‘catastrazo’

-Escrito dirixido ao Concello no que se lle solicita unha reunión para tratar do compromiso adquirido polo alcalde de reinvestir no rural o recadado en concepto de regularización catastral.

-Escrito dirixido ao Concello no que se declara a postura da Federación con respecto ao exposto polos representantes municipais na reunión do 12 de xaneiro sobre o reparto do ‘catastrazo’.

-Escrito dirixido ao Concello no que se declara o acordo da Federación con respecto ao borrador de acordo que esta lle presentou ao Concello para o reparto no rural da recadación relativa á regularización catastral.

-Escrito dirixido ao Concello no que se indican os cambios acordados pola Federación para asinar o acordo sobre o ‘catastrazo’.

· Asunto: orzamento municipal para 2017

-Dous escritos dirixidos ao Concello nos que se lle solicitan determinadas aclaracións acerca dos investimentos no rural recollidos no borrador de orzamentos municipais e se solicitan datos máis concretos sobre todos os investimentos previstos..

-Escrito dirixido ao Concello no que se reitera a petición anterior de datos concretos.

· Asunto: problemas na recollida do lixo

-Escrito dirixido ao Concello no que se lle solicita unha reunión para tratar sobre os problemas derivados do mal servizo de recollida do lixo.

· Asunto: uso dos locais municipais

-Varias solicitudes de uso de locais para xuntanzas e para a xornada cultural.

-Escrito dirixido ao Concello no que lle solicitan datos de ocupación dos locais municipais para escoller sitio no que reunirse a Federación.

 

 

· Asunto: inscrición da federación no Rexistro de Asociacións da Xunta

-Solicitude dirixida á Xunta de Galicia para que a federación sexa incluída no rexistro autonómico de Asociacións.

-Varios escritos dirixidos á Xunta de Galicia, primeiro para solicitar a inscrición no Rexistro de Asociacións e logo para rectificar determinados artigos.

· Asunto: avespa asiática

-Dous escritos dirixidos á Xunta e ao Concello nos que se lles comunicaba a preocupación de FEDERAMES pola expansión da avespa asiática no noso municipio.

-Escritos dirixidos á Consellería do Medio Rural e á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para convidar as correspondentes directoras xerais á mesa redonda sobre a velutina.

-Escrito dirixido á dirección do BBVA no que se solicitaba axuda económica para realizar a xornada sobre a velutina.

-Comunicado de prensa sobre a xornada cultural sobre as velutinas.

· Asunto: colexio de Barouta

-Escrito dirixido á Xunta e ao Concello para solicitar unha segunda liña de educación primaria no colexio de Barouta.

· Asunto: primeiro contacto con FERUSA

-Borrador de comunicado de prensa con FERUSA sobre os incendios.

 

ANEXO 6. Relación de artigos publicados no blog da Federación

Asunto: participación



Asunto: ‘catastrazo’


§  O Concello ofrecerá asistencia xurídica e técnica aos afectados polo ‘catastrazo’

§  O catastro e o lixo: dúas formas de ‘sangrar’ a xente das aldeas

§  CATASTRAZO: as asociacións piden unha nova reunión co Concello

§  O ‘catastrazo’ e o seu investimento na zona rural: problemas, problemas e máis problemas



Asunto: velutinas

§  A avespa asiática ou a pasividade da administración

§  Loita contra a avespa asiática

§  Mesa redonda sobre o control e loita contra a avespa asiática

§  Excelente acollida da mesa redonda sobre a velutina

Asunto: outros

§  Fibra óptica

§  A forza que nos une

§  O transporte público dentro do concello: necesidade ou luxo?

§  Quero camiñar, onde están os camiños?

§  Facer país

§  A política da posverdade

§  Un modelo de concello aberto

§  A comunicación eficaz ou a importancia de facer

§  Problemas no colexio de Barouta

§  Ata que chova

§  Vinte anos de atrasos

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario