A
empresa TOYSAL (Toca y Salgado SL) iniciou hai uns seis meses os trámites administrativos para
converter a vella canteira da Casalonga, en Teo, nun centro de reciclaxe e
transformación de residuos, similar aos das dúas instalacións que xa posúe no
norte e no sur de Galicia. Os residuos tratados serán basicamente de orixe
animal: subprodutos animais non destinados ao consumo humano (corpos enteiros
ou partes de animais, produtos de orixe animal ou outros produtos obtidos a
partir de animais), xurros e estercos, así como lodos producidos polas
estacións depuradoras de augas residuais de vivendas, polas conserveiras e
polas industrias agroalimentarias. En total, prevese que entren na depuradora
unhas 90.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano, é dicir, uns 90 millóns de
quilos deste material ou, o que é o mesmo, 246.000 quilos ao día. Dáse a circunstancia de que a área escollida para este
negocio, que ocupa unha superficie equivalente a uns vinte e cinco campos de fútbol, está nunha das zonas residenciais máis densamente poboadas dos arredores de
Santiago de Compostela.
As
novas instalacións preténdense instalar sobre uns terreos inestables e pouco
compactados, o que podería provocar filtracións de augas non depuradas. Ademais, o almacenamento e transformación dos residuos en enormes
balsas abertas ao aire produciría gases cheirentos que o vento transportaría lonxe,
cos conseguintes prexuízos para os habitantes da contorna. Na solicitude
cursada pola empresa TOYSAL non queda claro cal será o consumo total de auga
desta nova planta; o impacto dos olores e outras posibles molestias, coma tal
as pragas xeradas pola acumulación de insectos e roedores; que se vai facer cos
produtos sólidos e líquidos xerados, etc. As previsibles consecuencias da
contaminación poderían notarse a varios quilómetros de distancia. As primeiras
localidades afectadas serían as estremeiras do concello de Teo: Mouromorto, Texexe,
O Vilar de Riba, Cornide e a Casalonga; mais tamén notarían estes efectos
nocivos outras próximas como Vilaverde, Firmistáns, Tarrío, As Galanas, O
Faramello e, mesmo, O Milladoiro, algunhas delas nos concellos veciños de Ames
e Rois.
O
proxecto nin sequera se pode xustificar polos beneficios económicos para o
territorio, pois tan só vai xerar sete postos de traballo fixos e cinco
eventuais. A sociedade civil da zona xa se está mobilizando arredor da plataforma
veciñal A Casalonga Limpa de Residuos, coa que se opón á planta e quere chamar
a atención das administracións públicas (o Concello de Teo, onde se iniciaron
os primeiros trámites administrativos, e a Xunta de Galicia, responsable de
decidir sobre o impacto ambiental da nova instalación), colocando pancartas de
protesta, organizando varias manifestacións e unha andaina, entre outras actividades para sensibilizar a xente da zona. Animamos a todas as asociacións
vinculadas a Federames a que amosen o seu apoio a esta iniciativa a través da
seguinte conta de Facebook: https://www.facebook.com/plataformacasalongalimpaderesiduos/
Ames
tamén quere estar limpa de residuos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario