luns, 16 de outubro de 2017

Ata que chova


Incendio en Cangas
 
A fin de semana da ponte do Pilar de 2017, máis de 150 incendios estaban activos en diferentes puntos da nosa comunidade autónoma e catro persoas perderan a vida por mor das lapas. Na noite do domingo, unhas poucas gotas de choiva viñeron paliar en parte o que xa se está a cualificar como un suceso dramático, mais o luns aínda permanecían activos 60 lumes. Ao mesmo tempo que isto sucedía, o mes de outubro comezou con 500 brigadistas de incendios menos, unha vez que o continxente de reforzo con que se contaba para o período de verán rematou o seu contrato. Ante este panorama tan negro, un mira para as administracións públicas preguntando por que e elas responden apuntando entre as causas probables desta catástrofe a combinación de bo tempo e vento, a irresponsabilidade dos incendiarios e a presenza de vivendas preto das zonas boscosas. A culpa parece ser das circunstancias, os gobernantes só pasaban por aí e todos eles repiten coma un mantra o moito que fan, omitindo o que deixaron de facer.
Galicia pasou nas últimas décadas de ser unha sociedade de economía centrada no rural a case abandonar o agro, que se converteu tan só nun lugar de residencia, no mellor dos casos. O escaso prezo dos produtos que xera o campo, entre os que se atopa a madeira, está detrás desa fuxida cara ás vilas e cidades en busca de mellores oportunidades. Pero as plantas medran e, se non se coidan, a maleza invade todo. Ademais, a maior parte das árbores no noso concello son eucaliptos e piñeiros de pouco valor, que arden con moita facilidade e cuxa limpeza resulta cara e non sempre doada. A isto hai que engadirlle unha crecente permisividade construtiva, chegando a levantar casas e mesmo urbanizacións enteiras en pleno monte. Con estes vimbios, a mecha está posta. Un outono seco e ventoso axudou a prendela. E agora tan só nos queda poñer unha vela a un santo para que siga chovendo?

Diante deste panorama tan deprimente, a culpa bótaselle sempre ao outro. Un ano máis, seguimos sen cambiar o paso porque non vemos onde tropezamos unha vez e outra. Coma en tantos outros problemas de alcance, aquí hai responsabilidades compartidas. Ti por min e a casa por barrer: uns por non facer cumprir sempre a lei e outros por non cumprila en moitos casos. Arde o monte e a culpa lévana os incendiarios, mais tamén nós colaboramos ao longo dos anos, co descoido e a axuda dos elementos, a crear unha situación favorable para que arda. Quizais aplicando algo de sentidiño e unidade de acción a cousa cambiase.

Tradicionalmente, os labregos rozaron os seus montes na procura de mulime para os animais e leña para quentárense, e o monte estaba limpo. O bosque pode xerar biomasa e madeira se se crean as condicións, pero tamén transformarse nunha bomba en potencia, sobre todo nas zonas habitadas, se o abandonamos. Agora, as administracións teñen a obriga de recapacitar e converterse en aliadas dos titulares das parcelas para, xuntos, facilitar as tarefas de manter coidadas as súas propiedades e así xerar maior riqueza para o país. O incendio devastador non adoita ser máis que a consecuencia catastrófica do desleixo e a falta de conservación do noso patrimonio forestal, polo que cómpre inverter esta situación creando brigadas locais de limpeza de montes, do mesmo xeito que existen brigadas contra incendios forestais, que traballen man con man cos particulares. A choiva, que pode apagar as brasas, non vai cambiar as causas que as provocaron nin tampouco as súas consecuencias.