Estatutos


(Versión actualizada en data 24/10/2017)

 



 



ESTATUTOS DA “federación DE
ASOCIACIÓNS DO RURAL DE AMES
(FEDERAMES)”






CAPÍTULO I

DA federación EN XERAL


Artigo 1º. Constitución
1. Constitúese unha federación de asociacións sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A federación ten a seguinte denominación: “FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DO RURAL DE AMES (FEDERAMES)".
2. Os socios fundadores da Federación de Asociacións do Rural de Ames son as asociacións Pedra do Fuso, O Corpiño, Monte do Crego, San Pedro de Bugallido, Covas e Paravent.
3. A federación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.






Artigo 2º. Domicilio
O domicilio principal e permanente da federación radicará na localidade de O Montiño, núm 12, Covas, C. P. 15864, Ames; e co seguinte correo electrónico: federames@gmail.com.
Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutros lugares, mediante acordo da Asemblea Xeral, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais. Este acordo supón unha modificación estatutaria que deberá comunicárselle ao organismo encargado do Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3º. Ámbito territorial
A federación, en función dos seus fins e da localización do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial do concello de Ames.
Artigo 4º. Características da federación
1. A federación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2. A federación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
3. A Federación de Asociacións do Rural de Ames atópase formada polas diferentes asociacións con domicilio social no ámbito rural do Concello de Ames e que desenvolven as súas actividades fundamentalmente neste ámbito. Como entidades xurídicas independentes, intégranse nela e estarán sometidas ao réxime xurídico da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. Poderán formar parte da federación, de forma libre e voluntaria, aquelas asociacións legalmente constituídas con estatuto xurídico propio (asociacións veciñais, culturais, deportivas, etc.) cuxos obxectivos e fins sexan coincidentes cos da federación, que poderán organizarse como áreas sectoriais da federación.
Artigo 5º. Fins da federación
Son fins principais da federación:
  1. Defender os intereses da veciñanza, utilizando para iso as canles establecidas na lexislación vixente.
  2. Fomentar e promover a participación na vida pública, como suxeitos de dereitos, co fin de potenciar o benestar social e a calidade de vida e de preservar o medio ambiente
  3. Fomentar e promover o asociacionismo entre e a participación asociativa nos asuntos de interese xeral.
  4. Fomentar e promover as formas, medios e procedementos de participación, o exercicio da participación cidadá e da democracia participativa mediante a realización de diagnósticos, estudos e programas; o desenvolvemento de proxectos e actividades de interese xeral, sectorial e territorial; a participación en plans especiais territoriais de investimento e en programas de actuación preferente; a transmisión de información veraz e útil á veciñanza e a implicación desta, como cidadáns e cidadás, nos debates e na toma de decisións que lles afecten tanto a ela como á súa contorna; a reclamación e demanda ás Administracións de medidas políticas, sociais e económicas que favorezan o benestar social e a calidade de vida; a planificación estratéxica, a planificación sectorial e a planificación territorial; a promoción da economía social e a colaboración no desenvolvemento local e na xestión dos servizos públicos; a promoción de cantos instrumentos favorezan a cooperación na vida pública da cidadanía.
  5. Coordinar as actividades, servir de nexo de unión e colaborar coas asociacións para unha maior eficacia no cumprimento dos fins estatutarios dos seus asociados.
  6. Canalizar e representar as inquedanzas e asuntos de interese xeral, sectorial e territorial das asociacións agrupadas nesta federación e promover a participación activa do tecido social organizado.
  7. Establecer, manter relacións e obter a adecuada representación nos organismos e instancias de carácter público e privado que incidan no campo de actuación desta federación, colaborando con eles en canto sexa beneficioso para os intereses dos representados.
  8. Establecer e manter relacións coa Administración e obter representación nos seus organismos de participación, planificación e xestión para os efectos de cooperar na planificación democrática e suscitar e resolver os problemas e fins estatutarios propios e das asociacións federadas, así como as demandas que interesan da veciñanza.
  9. Difundir e defender os valores de igualdade entre a cidadanía, tanto nacionais como estranxeiros, defender aos sectores e capas sociais desfavorecidos e poñer en valor a non discriminación xenófoba, racista e sexista, a segregación, a polarización e exclusión sociais, favorecendo a cohesión social e a convivencia.
  10. Promover a formación e impartir formación en todos os ámbitos, que redunde en beneficio da cidadanía do Concello.
  11. Fomentar a educación medioambiental e a preservación do hábitat, defender o medio ambiente e o espazo natural en todos os seus aspectos, como ámbitos que inciden directamente na calidade de vida, o benestar social e o modelo de cidade sustentable.
  12. Calquera outro fin tendente á defensa e maior eficacia das asociacións federadas, para ofrecer unha mellor prestación de servizos á cidadanía, lograr unha máis alta representatividade desta, e exercer unha máis eficaz interlocución social, utilizando para iso os medios que permita a legalidade vixente.
Artigo 6º. Ámbito sectorial de actuación
1. Para a consecución dos seus fins sociais, a federación desenvolverá todo tipo de actuacións nos ámbitos de:
  1. O modelo de concello: integrado, humano, accesible, solidario, vertebrado, participativo, administrado de forma próxima, seguro, con calidade de vida e sustentable.
  2. A planificación urbanística, a ordenación do territorio e o desenvolvemento urbanístico, a accesibilidade, a mobilidade urbana, interurbana e cos núcleos rurais e a prevalencia do transporte público colectivo, a rexeneración de ámbitos desfavorecidos e a preservación do patrimonio.
  3. O ámbito educativo, cultural e deportivo, accións en defensa do sistema educativo público e do seu carácter universal, igualitario e democrático, fomento de todo tipo de actividades educativas e de formación, de actos e certames culturais, de programas de extensión cultural, de defensa de normalización de uso do idioma galego, de achegamento aos veciños e veciñas das novas tecnoloxías da información, actividades socioculturais destinadas á infancia, á mocidade e ás persoas maiores, actividades festivas e recreativas, de lecer e tempo libre, fomento do deporte afeccionado e de base, xestión de equipamentos sociais e de instalacións deportivas.
  4. Nos ámbitos cívico e de convivencia, prevención das causas que producen situacións de risco, vulnerabilidade social e marxinación, desenvolvemento comunitario, plans comunitarios e programas específicos de intervención, prevención dos conflitos de convivencia e mediación cando se produzan.
  5. O ámbito sanitario, defensa do sistema público de saúde.
  6. O ámbito do desenvolvemento da acción social e das prestacións sociais, análises e avaliación de necesidades e demandas sociais da poboación, campañas de sensibilización social e accións formativas en materia de servizos e prestacións sociais, accións de carácter preventivo e de atención, promoción e integración social, servizos de atención á infancia, a mocidade, a familia, as mulleres maltratadas, as persoas maiores, as persoas con discapacidade, os grupos en dificultade social, a nova veciñanza inmigrante; información e asesoramento sobre o acceso ás redes e recursos sociais, colaboración na xestión de servizos sociais.
  7. A loita contra a discriminación en razón de sexo, idade, raza ou cultura, e especialmente no ámbito da igualdade da muller, a súa promoción e o da loita contra a discriminación, a segregación e a exclusión sociais dos novos veciños e veciñas inmigrantes.
  8. A prestación de asistencias, servizos e asesoramento de distinto tipo ou propios das actividades que desenvolven as asociacións.
2. Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre asociacións nin entre outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
3. Para o cumprimento dos fins e funcións sinalados, a federación dotarase das comisións ou áreas de traballo, seccións ou departamentos de asesoramento, información e servizos, tanto internos como externos, que sexan necesarios.




CAPÍTULO II

DOS ASOCIADOS


Artigo 7º. Integrantes
1. Poderán ser integrantes da federación todas aquelas asociacións legalmente constituídas e con domicilio social no ámbito rural do Concello de Ames, tralo acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa federación e cuxos fins e obxectivos estean acordes cos da federación.
2. Os acordos de admisión de asociados tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito.
Artigo 8º. Clases de asociados
Dentro da federación poderán existir as seguintes clases de asociados:
a) Fundadores, aquelas asociacións que subscribiron a acta fundacional.
b) Numerarios, aquelas asociacións que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
Artigo 9º. Perda da condición de asociado
1. A condición de asociado pérdese:
  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pagamento de catro cotas.
  3. Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da federación, logo do expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
  4. Por extinción da persoa xurídica.
2. A expulsión nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
Artigo 10º. Dereitos das asociacións federadas
As asociacións federadas teñen os seguintes dereitos:
1. Participaren nas actividades da federación e nos órganos de goberno e representación, exerceren o dereito de voto, así como asistiren á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.
2. Seren informadas da composición dos órganos de goberno e representación da federación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
3. Seren oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e seren informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas. O acordo que, se é o caso, impoña a sanción deberá motivarse.
4. Impugnaren os acordos dos órganos da federación que estimen contrarios á lei ou aos estatutos.
Os asociados honorarios e mais os colaboradores individuais terán os dereitos dos apartados 2 e 3 anteriores e están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.
Artigo 11º. Obrigas dos socios
Son obrigas dos socios:
1. Compartir as finalidades da federación e colaborar para a súa consecución.
2. Pagar as cotas que se establezan.
3. Desempeñar os cargos (a través dos seus representantes na federación) para os que foron elixidos.
4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da federación.
5. Acatar o contido dos estatutos.
Artigo 12º. Outros integrantes da federación
Poderán integrar a federación, aínda que non ter a consideración de socios, os membros honorarios e os membros colaboradores, que terán voz na Asemblea Xeral, pero non voto.
Serán membros honorarios aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da federación.
Serán membros colaboradores, a xuízo da Asemblea Xeral, aqueles individuos empadroados no Concello de Ames que desexen participar nas actividades da federación.

Tanto os membros honorarios como os membros colaboradores estarán exentos de pagar as cotas por non ter a consideración de socios.




CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA FEDERACIÓN



Artigo 13º. Órganos de goberno e representación da federación
Os órganos de goberno e representación da federación son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
Artigo 14º. Xunta Directiva
1. A Xunta Directiva é o órgano de representación da federación.
2. A Xunta Directiva estará formada un representante de cada asociación federada designado pola Asemblea Xeral, de entre os que se elixirán un/unha presidente/a da federación, un/unha vicepresidente/a, un/unha secretario/a e un/unha tesoureiro/a. O resto de membros terán a condición de vogais. Tenderase a buscar unha representación paritaria entre homes e mulleres. En Asemblea Xeral convocada para o efecto comunicaranse os nomes deses membros.
3. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa federación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola federación.
3. A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos da Xunta Directiva de entre os socios da federación.
4. A duración dos cargos será por catro anos. Cada asociación poderá comunicar cambios de representantes na Xunta Directiva nas asembleas xerais ordinarias.
5. Os cargos cesarán na súa función por:
  1. extinción da persoa xurídica.
  2. renuncia voluntaria.
  3. transcurso do prazo para o que foron elixidos.
  4. acordo da asemblea da asociación á que pertence.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do novo responsable.
En calquera caso, deben estar cubertos como mínimo catro cargos da Xunta Directiva, que exercerán as funcións de presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e tesoureiro/a.
Artigo 15º. O/A presidente/a
1.- O/a presidente/a da federación será designado/a pola Asemblea Xeral entre os socios da federación e o seu mandato durará catro anos. Será asistido/a nas súas funcións por un/unha vicepresidente/a, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
2. O/A presidente/a terá as seguintes atribucións:
  1. Representar a federación perante calquera organismo público ou privado.
  2. Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
  3. Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  4. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da federación xunto co/coa secretario/a ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Artigo 16º. O/A secretario/a
1. O/A secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e a relación actualizada de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da federación. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace do/da presidente/a. O secretario tamén levará o inventario dos bens da federación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do/da secretario/a, o/a presidente/a designará entre os/as vogais a un/unha que desenvolva esta función.
Artigo 17º. O/A tesoureiro/a
1. O/A tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á federación, cumprirá as ordes de pagamento que expida o/a presidente/a, levará a contabilidade da federación e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da federación, así como as contas de resultados e balances.
2. O/A tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean á disposición dos socios da federación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Xeral Ordinaria.
Artigo 18º. Os/As vogais
Os/As vogais terán as seguintes atribucións:
  1. Realizaren programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeñaren os traballos que lles sexan encomendados pola Xunta Directiva.
Artigo 19º. Atribucións da Xunta Directiva
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
  1. Programar e dirixir as actividades da federación.
  2. Levar a xestión administrativa e económica da federación.
  3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
  4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
  5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias.
  6. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da federación.

  1. Propoñer o plan de actividades da federación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  2. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da federación.
Artigo 20º. Convocatoria da Xunta Directiva
1. A Xunta Directiva será convocada polo/a presidente/a, por iniciativa propia ou por petición de calquera dos seus compoñentes.
2. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, cada un dos cales terá un voto. Será necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do/da presidente/a ou vicepresidente/a e o/a secretario/a ou membro da Xunta Directiva que o substitúa.
O/a secretario/a ou, no seu defecto, o vogal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.
Artigo 21º. Comisións
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, por proposta dos seus respectivos presidentes ou presidentas.
Artigo 22º. Asemblea Xeral
1. A Asemblea Xeral de asociados é o órgano supremo de goberno da federación.
2. A Asemblea Xeral estará formada por dous representantes de cada asociación federada designados por estas. Cada asociación contará con un voto na Asemblea Xeral.
Artigo 23º. Constitución da Asemblea Xeral
1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos representantes das asociacións na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do/da presidente/a ou vicepresidente/a e o/a secretario/a ou membro da Xunta Directiva que o substitúa.
2. Se non concorrese o/a presidente/a, será substituído/a polo/pola vicepresidente/a. Se non concorrese o/secretario/o, será substituído/a polo/a tesoureiro/a. Se non concorrese este último, o/a secretario será substituído polo membro máis novo da Xunta directiva presente. No caso de non poder asignar un/unha presidente/a e un/unha secretario/a da Xunta Directiva, será suspendida a constitución da Asemblea Xeral.
Artigo 24º. Asemblea Xeral Ordinaria
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
  1. Aprobar o plan de actividades.
  2. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  3. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  4. Exame e aprobación das cotas.
Artigo 25º. Asemblea Xeral Extraordinaria
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
  1. Modificar os estatutos da federación.
  2. Aprobar a confederación con outras federacións.
  3. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
  4. Acordar a disolución da federación.
  5. Designar as persoas liquidadoras.
  6. Ratificar a expulsión de asociacións federadas por proposta da Xunta Directiva.
  7. Solicitar a declaración de utilidade pública da federación.
  8. Aprobar o regulamento de réxime interno da federación.
  9. As que sendo de competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar á súa convocatoria sen grave prexuízo para a federación.
  10. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 26º. Convocatorias da Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o solicite polo menos o dez por cento das asociacións integrantes da federación. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao presidente ou presidenta, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 27º. Reunións da Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o 15 de xaneiro ata o 15 de febreiro de cada ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase por vía telemática ou presencial, polo menos con 10 días de antelación tanto para as asembleas ordinarias como para as asembleas extraordinarias.
Se o/a presidente/a da federación non procedera á convocatoria da Asemblea Xeral, esta convocatoria poderán realizala as asociacións que promovan a Asemblea Xeral Ordinaria.
Artigo 28º. Sesións da Asemblea Xeral
As sesións da Asemblea Xeral abriranse cando así o determine o/a presidente/a. Seguidamente procederase por parte do/da secretario/a á lectura da acta da asemblea anterior, que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o/a secretario/a procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda. Procederase ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos.
Artigo 29º. Acordos da Asemblea Xeral
1. Cada asociación representada contará con un voto, e non haberá votos delegados. Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría dos asistentes, excepto os relativos aos apartados do 1 ao 7 do artigo 24, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarao o/a presidente/a e o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.
2. Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a todos os asociados, incluso aos non asistentes.
3. Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da federación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral.
4. As cuestións litixiosas que poida xurdir con motivo das actuacións desenvolvidas ou das decisións adoptadas no seo da federación poderán resolverse mediante arbitraxe, a través dun procedemento axustado ao disposto pola Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, e con suxeición, en todo caso, aso principios esenciais de audiencia, contradición e igualdade entre as partes, de conformidade co establecido na normativa vixente en materia de asociacións.


CAPÍTULO IV

DO RÉXIME ECONÓMICO


Artigo 30º. Patrimonio da federación
A federación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 31º. Réxime de funcionamento
A federación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de orzamento será elaborado polo/a tesoureiro/a da federación, que deberá telo preparado antes do 1 de xaneiro de cada ano, co fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.




Artigo 32º. Recursos da federación
A federación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas das asociacións federadas.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral Ordinaria.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da federación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 33º. Cotas
A Asemblea Xeral Ordinaria, por proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias, que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da federación.
Artigo 34º. Contas anuais
Anualmente, con referencia ao derradeiro día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta á disposición dos asociados, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.
Artigo 35º. Disposición de fondos
Para a disposición de fondos das contas que a federación ten nas entidades bancarias, será necesaria a sinatura conxunta do/da presidente/a e do/da tesoureiro/a.




CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO



Artigo 36º. Regulamento de réxime interno
O regulamento de réxime interno, se é o caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da federación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI

DA MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA FEDERACIÓN



Artigo 37º. Modificación dos estatutos
Os estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas dúas terceiras partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.
Artigo 38º. Disolución da federación
1. A federación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas dúas terceiras partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
2. Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará á Xunta Directiva para efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
3. O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra entidade non lucrativa e inscrita no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia que teña iguais ou similares fins que os desta federación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da federación.


 

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario