xoves, 30 de novembro de 2017

Vinte anos de atraso





Parece que foi a Napoleón a quen lle preguntaron a que idade había que empezar a educar os fillos. Vinte anos antes educando os seus pais, contestou. En tantas ocasións, laiando da nosa situación presente, perdemos de vista de onde veñen as causas que a provocaron. As cousas case nunca son como son por azar: detrás adoita haber unha vontade persistente para que se dean así. Cando se comparan, por exemplo, as realidades sociopolíticas das tres nacionalidades históricas do estado español (Galicia, Euskadi e Cataluña), polo xeral xustifícanse as diferenzas a partir duns contextos económicos moito máis favorables para as dúas últimas. Esquécese, ás veces, que cada unha leva décadas apostando por unha determinada forma de traballar, e o que hoxe se ve non é máis que o resultado (mellor ou peor) dese impulso.

Isto quere dicir que Galicia podería estar mellor? Xaora que podería. Cando Galicia perde cartos porque deixa de gastar centos de millóns de euros de fondos europeos, Irlanda invísteos en creación de empresas e novas tecnoloxías. Cando non se está a facer unha política forestal axeitada para o territorio, no caos xorden grandes empresas de celulosa que enchen o país de eucaliptos aproveitando a permisividade. Cando se evita limpar as rías, non só se está a ir en contra do medio ambiente, senón que tamén se deixa de crear riqueza e postos de traballo. E cando non se están modernizando de forma axeitada as estruturas administrativas, educativas, sanitarias ou sociais, outro tanto do mesmo. Si, cambiar parece fácil, pero é imposible mudar o  feito no pasado e resulta moi difícil convencer aos que o fixeron para que redirixan o rumbo.

Cando a resistencia ao cambio se converte na norma, sexa por medo a algo peor, sexa por simple descoñecemento, as consecuencias poden resultar catastróficas: os nosos fillos formados emigran para poder traballar, coma xa o fixeran os seus avós; as empresas de fóra ocupan o sitio que lles correspondería ás autóctonas e xeran riqueza noutros lugares co noso patrimonio; un envellecemento brutal da poboación que parece non ter solución; gran dificultade para ofrecer uns servizos sociais ao nivel do século XXI, que implica unha merca nos dereitos fundamentais da cidadanía; e políticos que predican o que logo non son quen de cumprir. Afeitos a non ver máis aló do día a día, evitan aprender a adaptarse e repiten unha e outra vez os mesmos pasos porque non entenden que o cambio poida levar a algo mellor.

En certas situacións, diríase que estamos a replicar o que xa fixemos en 1997 e logo aínda nos preguntamos por que os demais van por diante! Poida que sexa porque aprenderon a detectar axiña os novos contextos cambiantes e apuraron a adaptarse a eles, a xestionar o cambio, como fixera o ratiño protagonista do libro de Spencer Johnson Quen levou o meu queixo? O autor descríbemos, a través dunha parábola, os beneficios dos cambios desde o punto de vista de dous ratos atrapados nun labirinto, que podemos trasladar á nosa vida e traballo para saír adiante con éxito.

luns, 27 de novembro de 2017

Excelente acollida da mesa redonda sobre a velutina


O Centro Sociocultural do Milladoiro case se encheu para escoitar as persoas expertas

 
 A Federación de Asociacións do Rural de Ames quixo, con este acto, chamar a atención sobre un problema que nos afecta a todos: a expansión imparable da avespa asiática polo noso territorio. Especialistas de diversos ámbitos contaron as súas experiencias e liñas de traballo para combater esta especie foránea que está a decimar as nosas abellas.

Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (AGA), expuxo as catro principais demandas desta asociación para controlar a expansión da velutina: trampeo masivo, máis financiamento en investigación, axudas aos apicultores e que un único organismo coordine todas as actuacións e entidades implicadas. Tamén apuntou as liñas de traballo da Plataforma Stop Velutina, na que colabora AGA, dirixidas ao Parlamento de Galicia, ás Administracións Públicas e á sociedade en xeral.

Jesús Javier Orejas Fernández e Elisa Gago Moldes, representantes da Xunta de Galicia, debullaron as actuacións da Consellería do Medio Rural, desde o punto de vista da sanidade animal, e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, desde o punto de vista da conservación da biodiversidade. Ofreceron datos que indican que en tres anos a avespa asiática xa se instalou no setenta por cento dos concellos de Galicia; e que o incremento exponencial da retirada de niños ano a ano corrobora a forte presenza desta especie entre nós.

Diego Sánchez Agra, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego, empezou contextualizando as causas da presenza das especies invasoras: globalización, abandono do rural, produción industrializada de produtos procedentes de lugares moi afastados, etc. E reclamou maior implicación das Administracións públicas cara a este problema concreto nomeadamente ofrecendo máis información, desenvolvendo unha boa política preventiva e realizando actuacións rápidas para atallar a invasión.

Para rematar, Xulio Maside Rodríguez, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), resaltou a importancia da investigación para coñecer ben a especie e poder combatela con eficacia antes de aplicar medidas de control equivocadas por ineficaces ou por contraproducentes, que danen outra fauna ou o medio ambiente. E tamén explicou os principais contidos do convenio entre a USC e a Deputación da Coruña con catro eixos de traballo para combater a velutina: identificar os insecticidas máis adecuados e menos nocivos que empregar; cuantificar os danos económicos que supón a presenza deste insecto no territorio galego; facer unha proxección da expansión desta especie a curto prazo; e avanzar na loita biolóxica contra ela.

A mesa redonda continuou con gran cantidade de preguntas do público, entre as que cabe salientar as dirixidas á Xunta de Galicia pedindo máis liñas de axuda, maior aposta pola investigación e un orzamento específico; así como as destinadas ao investigador para afondar en varios aspectos científicos de interese. En definitiva, unha xornada moi enriquecedora que haberá que repetir no vindeiro ano, abordando este ou outros asuntos de interese para a poboación que vive no medio rural de Ames. 

 

martes, 7 de novembro de 2017

Mesa redonda sobre o control e loita contra a avespa asiática


 

A avespa asiática ou velutina é unha especie invasora que chegou ao territorio de Ames hai dous ou tres anos. Desde entón, está a experimentar unha fortísima expansión debido á súa facilidade de adaptación e ás condicións climáticas favorables. Durante estes últimos meses, as zonas rurais do noso concello foron invadidas por este insecto, que é moi voraz e non ten depredadores naturais. Mais tamén se empezaron a ver niños desta especie nos núcleos de poboación e mesmo nas vilas, co conseguinte perigo para as persoas, pois as súas picaduras son moi daniñas.

A Federación de Asociacións do Rural de Ames, dentro da súa primeira xornada cultural, creu oportuno abordar o impacto da expansión da velutina no noso medio ambiente, coa intención de entender a dimensión desta praga, case imposible de erradicar segundo os expertos. Invítase toda a xente interesada a asistir á mesa redonda titulada “Control e loita contra a avespa velutina”, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o día 25 de novembro ás 7 da tarde. Neste acto intervirán os seguintes relatores:

-Laura García, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura

-Jesús Orejas, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural

-Elisa Gago, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

-Diego Sánchez, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego

-Xulio Maside, profesor da Facultade de Medicina e investigador da Universidade de Santiago de Compostela

Despois destas intervencións, abrirase unha quenda de debate na se poderán formular todas as dúbidas e inquedanzas acerca deste problema.