luns, 27 de novembro de 2017

Excelente acollida da mesa redonda sobre a velutina


O Centro Sociocultural do Milladoiro case se encheu para escoitar as persoas expertas

 
 A Federación de Asociacións do Rural de Ames quixo, con este acto, chamar a atención sobre un problema que nos afecta a todos: a expansión imparable da avespa asiática polo noso territorio. Especialistas de diversos ámbitos contaron as súas experiencias e liñas de traballo para combater esta especie foránea que está a decimar as nosas abellas.

Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (AGA), expuxo as catro principais demandas desta asociación para controlar a expansión da velutina: trampeo masivo, máis financiamento en investigación, axudas aos apicultores e que un único organismo coordine todas as actuacións e entidades implicadas. Tamén apuntou as liñas de traballo da Plataforma Stop Velutina, na que colabora AGA, dirixidas ao Parlamento de Galicia, ás Administracións Públicas e á sociedade en xeral.

Jesús Javier Orejas Fernández e Elisa Gago Moldes, representantes da Xunta de Galicia, debullaron as actuacións da Consellería do Medio Rural, desde o punto de vista da sanidade animal, e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, desde o punto de vista da conservación da biodiversidade. Ofreceron datos que indican que en tres anos a avespa asiática xa se instalou no setenta por cento dos concellos de Galicia; e que o incremento exponencial da retirada de niños ano a ano corrobora a forte presenza desta especie entre nós.

Diego Sánchez Agra, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego, empezou contextualizando as causas da presenza das especies invasoras: globalización, abandono do rural, produción industrializada de produtos procedentes de lugares moi afastados, etc. E reclamou maior implicación das Administracións públicas cara a este problema concreto nomeadamente ofrecendo máis información, desenvolvendo unha boa política preventiva e realizando actuacións rápidas para atallar a invasión.

Para rematar, Xulio Maside Rodríguez, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), resaltou a importancia da investigación para coñecer ben a especie e poder combatela con eficacia antes de aplicar medidas de control equivocadas por ineficaces ou por contraproducentes, que danen outra fauna ou o medio ambiente. E tamén explicou os principais contidos do convenio entre a USC e a Deputación da Coruña con catro eixos de traballo para combater a velutina: identificar os insecticidas máis adecuados e menos nocivos que empregar; cuantificar os danos económicos que supón a presenza deste insecto no territorio galego; facer unha proxección da expansión desta especie a curto prazo; e avanzar na loita biolóxica contra ela.

A mesa redonda continuou con gran cantidade de preguntas do público, entre as que cabe salientar as dirixidas á Xunta de Galicia pedindo máis liñas de axuda, maior aposta pola investigación e un orzamento específico; así como as destinadas ao investigador para afondar en varios aspectos científicos de interese. En definitiva, unha xornada moi enriquecedora que haberá que repetir no vindeiro ano, abordando este ou outros asuntos de interese para a poboación que vive no medio rural de Ames. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario