A avespa asiática ou
velutina é unha especie invasora que chegou ao territorio de Ames hai dous ou
tres anos. Desde entón, está a experimentar unha fortísima expansión debido á
súa facilidade de adaptación e ás condicións climáticas favorables. Durante
estes últimos meses, as zonas rurais do noso concello foron invadidas por
este insecto, que é moi voraz e non ten depredadores naturais. Mais tamén se
empezaron a ver niños desta especie nos núcleos de poboación e mesmo nas vilas,
co conseguinte perigo para as persoas, pois as súas picaduras son moi daniñas.
A Federación de Asociacións
do Rural de Ames, dentro da súa primeira xornada cultural, creu oportuno
abordar o impacto da expansión da velutina no noso medio ambiente, coa
intención de entender a dimensión desta praga, case imposible de erradicar
segundo os expertos. Invítase toda a xente interesada a asistir á mesa redonda
titulada “Control e loita contra a avespa velutina”, que se celebrará na Casa
da Cultura do Milladoiro o día 25 de novembro ás 7 da tarde. Neste acto
intervirán os seguintes relatores:
-Laura García, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura
-Jesús Orejas, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería do
Medio Rural
-Elisa Gago, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade da
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
-Diego Sánchez, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego
-Xulio Maside, profesor da Facultade de Medicina e investigador da
Universidade de Santiago de Compostela
Despois destas intervencións,
abrirase unha quenda de debate na se poderán formular todas as dúbidas e
inquedanzas acerca deste problema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario