xoves, 28 de xuño de 2018

90 mil toneladas de residuos para A Casalonga


 

A empresa TOYSAL (Toca y Salgado SL) iniciou hai uns seis meses os trámites administrativos para converter a vella canteira da Casalonga, en Teo, nun centro de reciclaxe e transformación de residuos, similar aos das dúas instalacións que xa posúe no norte e no sur de Galicia. Os residuos tratados serán basicamente de orixe animal: subprodutos animais non destinados ao consumo humano (corpos enteiros ou partes de animais, produtos de orixe animal ou outros produtos obtidos a partir de animais), xurros e estercos, así como lodos producidos polas estacións depuradoras de augas residuais de vivendas, polas conserveiras e polas industrias agroalimentarias. En total, prevese que entren na depuradora unhas 90.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano, é dicir, uns 90 millóns de quilos deste material ou, o que é o mesmo, 246.000 quilos ao día. Dáse a circunstancia de que a área escollida para este negocio, que ocupa unha superficie equivalente a uns vinte e cinco campos de fútbol, está nunha das zonas residenciais máis densamente poboadas dos arredores de Santiago de Compostela.
As novas instalacións preténdense instalar sobre uns terreos inestables e pouco compactados, o que podería provocar filtracións de augas non depuradas.  Ademais, o almacenamento e transformación dos residuos en enormes balsas abertas ao aire produciría gases cheirentos que o vento transportaría lonxe, cos conseguintes prexuízos para os habitantes da contorna. Na solicitude cursada pola empresa TOYSAL non queda claro cal será o consumo total de auga desta nova planta; o impacto dos olores e outras posibles molestias, coma tal as pragas xeradas pola acumulación de insectos e roedores; que se vai facer cos produtos sólidos e líquidos xerados, etc. As previsibles consecuencias da contaminación poderían notarse a varios quilómetros de distancia. As primeiras localidades afectadas serían as estremeiras do concello de Teo: Mouromorto, Texexe, O Vilar de Riba, Cornide e a Casalonga; mais tamén notarían estes efectos nocivos outras próximas como Vilaverde, Firmistáns, Tarrío, As Galanas, O Faramello e, mesmo, O Milladoiro, algunhas delas nos concellos veciños de Ames e Rois.
O proxecto nin sequera se pode xustificar polos beneficios económicos para o territorio, pois tan só vai xerar sete postos de traballo fixos e cinco eventuais. A sociedade civil da zona xa se está mobilizando arredor da plataforma veciñal A Casalonga Limpa de Residuos, coa que se opón á planta e quere chamar a atención das administracións públicas (o Concello de Teo, onde se iniciaron os primeiros trámites administrativos, e a Xunta de Galicia, responsable de decidir sobre o impacto ambiental da nova instalación), colocando pancartas de protesta, organizando varias manifestacións e unha andaina, entre outras actividades para sensibilizar a xente da zona. Animamos a todas as asociacións vinculadas a Federames a que amosen o seu apoio a esta iniciativa a través da seguinte conta de Facebook: https://www.facebook.com/plataformacasalongalimpaderesiduos/
Ames tamén quere estar limpa de residuos!

venres, 18 de maio de 2018

O 'catastrazo' que nos une


Pasado algo máis dun ano da regulación castastral aplicada polo Ministerio de Facenda en Ames, aínda perduran as súas secuelas. Non parece lóxico que suba o IBI ano tras ano ao mesmo tempo que baixan os prezos da vivenda, debido a que en moitos casos os valores desta última non foron revisados desde o período de bonanza económica. Polo que parece, as valoracións realizadas polo Catastro de 2005 a 2007, entre as que se encontra o Concello de Ames, atópanse de media por riba do cincuenta por cento do valor de mercado. Mentres tanto, o valor da vivenda baixou arredor dun trinta por centro durante os anos de crise. De feito, nos orzamentos do Estado de 2014 estaba previsto que, nun prazo de cinco anos, os municipios que non revisasen os seus valores catastrais en 2006, 2007 e 2008 puidesen rebaixalos, sempre e cando “detecten diferenzas substanciais entre os valores de mercado e os que serviron de base para a determinación dos valores catastrais vixentes”. O Concello de Ames baixouno ao 0,44 por cento.

Polas mesmas datas, os valores catastrais máis antigos, ou sexa, os que non se cambiaron dende hai máis anos (última revisión de 1984 a 2003), situación que se dá nos concellos de Pontevedra, Vigo ou A Coruña, sufriron unha actualización á alza. O certo é que case a metade dos 10.211 millóns de euros recadados por Facenda en concepto de IBI en 2011 proviron do que este imposto subiu desde 2007, ano no que se recadaba 5.821 millóns. Do mesmo xeito, na década actual a suba é continua un ano tras outro, ao que lle hai que sumar os máis de novecentos millóns procedentes da regularización catastral aplicada entre 2013 e 2016 e a súa aplicación retroactiva catro anos para atrás, con todo o cal moitas propiedades pasaron a duplicar o IBI pagado por elas en cuestión de dúas ou tres anualidades. Non obstante o anterior, varias sentenzas do Tribunal Constitucional (STC 26/2017, STC 48/2017/2017 e STC do 11 de maio de 2017) declararon inconstitucionais os artigos 107.1 e 107.2 a) da lei reguladora das facendas locais referidos á base impoñible que aplicar constituída polo incremento do valor dos terreos ao longo dos anos “unicamente na medida que someten a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor”.



Despois de todos estes datos, volvemos á cuestión inicial: por que se o meu concello baixa o tipo impositivo de IBI eu pago cada ano máis pola miña propiedade? A resposta é sinxela: o Concello aplica unha porcentaxe de tributación sobre unhas valoracións realizadas previamente polo Ministerio de Facenda, que xa tivo bo coidado de actualizar estes valores á alza antes de iniciar a última regularización catastral. Se estas táboas están acordes cos tempos ou conteñen importes incrementados, haberá que analizalo caso a caso. Tamén convén saber que o traballo de campo da regularización faino unha empresa contratada e adoita conter erros abundantes na medición das superficies construídas, na tipificación dos usos dos inmobles, etc., case sempre en contra da xente, que se ve obrigada a demostrar o fallo. Por riba, a xestión deste tributo en moitos casos está cedida ás deputacións provinciais, co que nos concellos dificilmente atoparemos un interlocutor válido disposto a axudarnos.

martes, 20 de marzo de 2018

Entender o recibo do IBI



O IBI é o Imposto de Bens Inmobles, máis coñecido como contribución, que chega aos fogares de Ames cada ano a mediados de outono. Trátase dun imposto municipal ao que están obrigados a pagar todos os propietarios dun inmoble rústico ou dun urbano. Este imposto está regulado polo Ministerio de Facenda a través da Lei de facendas locais.

O primeiro elemento que debemos comprobar no encabezamento do recibo é que a carón do titular obxecto tributario debe figurar o inmoble da nosa propiedade ou do que temos o usufruto, xunto co seu enderezo postal. Verifiquemos ben estes dous elementos, non vaia ser que se trate doutro inmoble noso ou dun doutro propietario. A mellor forma de identificar o obxecto tributario é cruzando o seu nome co seguinte elemento, a referencia catastral, que é un código que o Catastro lle dá a cada inmoble. A seguir pode aparecer algún importe a maiores como recarga por non pagar o recibo en prazo, se fose o caso.

A parte central do recibo, a máis complicada de entender, está composta polas bases impoñibles e as bases liquidables. Se o recibo se refire a un inmoble urbano, atoparemos os seguintes apartados:

-Valor catastral total: reúne o valor do solo máis o valor da construción que, na maioría dos casos, vén equivalendo á metade do valor de mercado da vivenda. Esta cifra, responsabilidade do Catastro, é o resultado de operar cunha serie de valores, como a localización do solo, o seu valor de mercado, o custo da construción ou a antigüidade do edificio. Os concellos deben efectuar unha revisión do valor catastral cada dez anos e polo xeral fano á alza. O último ano de revisión en Ames foi o 2005.
-Base impoñible: é o valor catastral total axustado por determinadas circunstancias (por exemplo, mediante unha regularización castastral ou catastrazo).
-Base liquidable: é a base impoñible coas revisións dos valores catastrais.

O tipo de IBI que se aplicará a esta base liquidable decidirao cada concello a partir duns mínimos e máximos fixados por lei. Neste apartado atoparemos os seguintes elementos:
-Tipo impositivo: é a porcentaxe antes mencionada, que en Ames está fixada no 0,44 % para os bens de natureza urbana.
-Cota: é a cantidade final que se debe pagar.
-Bonificación: trátase da porcentaxe de redución aplicable nos casos previstos na ordenanza correspondente (vivendas de protección oficial, familias numerosas, usos específicos da construción, etc.). Tamén hai algúns bens exentos, como os que son propiedade das administracións públicas, os catalogados como patrimonio histórico e outros.
-Principal: cantidade final que se debe pagar despois de aplicarlle a bonificación, se fose o caso.
Ligazóns destacadas sobre este asunto:




https://www.idealista.com/news/inmobiliario/vivienda/2013/07/30/647753-consejos-para-entender-el-recibo-del-ibi