martes, 20 de marzo de 2018

Entender o recibo do IBI



O IBI é o Imposto de Bens Inmobles, máis coñecido como contribución, que chega aos fogares de Ames cada ano a mediados de outono. Trátase dun imposto municipal ao que están obrigados a pagar todos os propietarios dun inmoble rústico ou dun urbano. Este imposto está regulado polo Ministerio de Facenda a través da Lei de facendas locais.

O primeiro elemento que debemos comprobar no encabezamento do recibo é que a carón do titular obxecto tributario debe figurar o inmoble da nosa propiedade ou do que temos o usufruto, xunto co seu enderezo postal. Verifiquemos ben estes dous elementos, non vaia ser que se trate doutro inmoble noso ou dun doutro propietario. A mellor forma de identificar o obxecto tributario é cruzando o seu nome co seguinte elemento, a referencia catastral, que é un código que o Catastro lle dá a cada inmoble. A seguir pode aparecer algún importe a maiores como recarga por non pagar o recibo en prazo, se fose o caso.

A parte central do recibo, a máis complicada de entender, está composta polas bases impoñibles e as bases liquidables. Se o recibo se refire a un inmoble urbano, atoparemos os seguintes apartados:

-Valor catastral total: reúne o valor do solo máis o valor da construción que, na maioría dos casos, vén equivalendo á metade do valor de mercado da vivenda. Esta cifra, responsabilidade do Catastro, é o resultado de operar cunha serie de valores, como a localización do solo, o seu valor de mercado, o custo da construción ou a antigüidade do edificio. Os concellos deben efectuar unha revisión do valor catastral cada dez anos e polo xeral fano á alza. O último ano de revisión en Ames foi o 2005.
-Base impoñible: é o valor catastral total axustado por determinadas circunstancias (por exemplo, mediante unha regularización castastral ou catastrazo).
-Base liquidable: é a base impoñible coas revisións dos valores catastrais.

O tipo de IBI que se aplicará a esta base liquidable decidirao cada concello a partir duns mínimos e máximos fixados por lei. Neste apartado atoparemos os seguintes elementos:
-Tipo impositivo: é a porcentaxe antes mencionada, que en Ames está fixada no 0,44 % para os bens de natureza urbana.
-Cota: é a cantidade final que se debe pagar.
-Bonificación: trátase da porcentaxe de redución aplicable nos casos previstos na ordenanza correspondente (vivendas de protección oficial, familias numerosas, usos específicos da construción, etc.). Tamén hai algúns bens exentos, como os que son propiedade das administracións públicas, os catalogados como patrimonio histórico e outros.
-Principal: cantidade final que se debe pagar despois de aplicarlle a bonificación, se fose o caso.
Ligazóns destacadas sobre este asunto:




https://www.idealista.com/news/inmobiliario/vivienda/2013/07/30/647753-consejos-para-entender-el-recibo-del-ibi




Ningún comentario:

Publicar un comentario