Parece que foi a Napoleón a
quen lle preguntaron a que idade había que empezar a educar os fillos. Vinte
anos antes educando os seus pais, contestou. En tantas ocasións, laiando da nosa
situación presente, perdemos de vista de onde veñen as causas que a provocaron.
As cousas case nunca son como son por azar: detrás adoita haber unha vontade persistente
para que se dean así. Cando se comparan, por exemplo, as realidades sociopolíticas
das tres nacionalidades históricas do estado español (Galicia, Euskadi e
Cataluña), polo xeral xustifícanse as diferenzas a partir duns contextos
económicos moito máis favorables para as dúas últimas. Esquécese, ás veces, que
cada unha leva décadas apostando por unha determinada forma de traballar, e o
que hoxe se ve non é máis que o resultado (mellor ou peor) dese impulso.
Isto quere dicir que Galicia
podería estar mellor? Xaora que podería. Cando Galicia perde cartos porque deixa
de gastar centos de millóns de euros de fondos europeos, Irlanda invísteos en
creación de empresas e novas tecnoloxías. Cando non se está a facer unha
política forestal axeitada para o territorio, no caos xorden grandes empresas
de celulosa que enchen o país de eucaliptos aproveitando a permisividade. Cando
se evita limpar as rías, non só se está a ir en contra do medio ambiente, senón
que tamén se deixa de crear riqueza e postos de traballo. E cando non se están
modernizando de forma axeitada as estruturas administrativas, educativas,
sanitarias ou sociais, outro tanto do mesmo. Si, cambiar parece fácil, pero é
imposible mudar o feito no pasado e
resulta moi difícil convencer aos que o fixeron para que redirixan o rumbo.
Cando a resistencia ao cambio
se converte na norma, sexa por medo a algo peor, sexa por simple descoñecemento, as consecuencias poden resultar catastróficas: os nosos fillos formados
emigran para poder traballar, coma xa o fixeran os seus avós; as empresas de
fóra ocupan o sitio que lles correspondería ás autóctonas e xeran riqueza
noutros lugares co noso patrimonio; un envellecemento brutal da poboación que
parece non ter solución; gran dificultade para ofrecer uns servizos sociais ao
nivel do século XXI, que implica unha merca nos dereitos fundamentais da
cidadanía; e políticos que predican o que logo non son quen de cumprir. Afeitos
a non ver máis aló do día a día, evitan aprender a adaptarse e repiten unha e
outra vez os mesmos pasos porque non entenden que o cambio poida levar a algo
mellor.
En certas situacións,
diríase que estamos a replicar o que xa fixemos en 1997 e logo aínda nos
preguntamos por que os demais van por diante! Poida que sexa porque aprenderon
a detectar axiña os novos contextos cambiantes e apuraron a adaptarse a eles, a
xestionar o cambio, como fixera o ratiño protagonista do libro de Spencer
Johnson Quen levou o meu queixo? O
autor descríbemos, a través dunha parábola, os beneficios dos cambios desde o
punto de vista de dous ratos atrapados nun labirinto, que podemos trasladar á
nosa vida e traballo para saír adiante con éxito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario