O día 24 de outubro deste ano
diversas asociacións mantiveron unha reunión con varios representantes do
Concello para tratar das inquedanzas xurdidas arredor da taxa de regularización
catastral. Nesta xuntanza, o alcalde asumiu varios compromisos, un dos cales
foi buscar fórmulas, coa participación
das asociacións, para que este incremento impositivo retornase á zona rural.
Pasados preto de dous meses desde
aquel encontro, a cidadanía non ten coñecemento de ningunha iniciativa ou actuación
municipal ao respecto. Ademais, as preocupacións acerca dun asunto que afecta a
uns dous mil veciños de Ames foron salientadas nas reunións celebradas polas asociacións
os pasados 10 de novembro e 13 de decembro.
En consecuencia, representantes
das asociacións culturais ou veciñais Pedra do Fuso, O Corpiño, Trasmonte-Ames,
San Pedro de Bugallido, Covas, Paravent, Piñeiro e A Mercé de Lapido solicitaron
o día 14 de decembro unha nova xuntanza ao alcalde para tratar todos os
detalles relacionados, primeiro, cos investimentos en xeral dirixidos ao ámbito
rural para 2017; e, segundo, coñecer de boca dos edís os xeitos de artellar o
retorno a este ámbito do importe que o Concello recadou ou ten previsto recadar
polo cobro retroactivo debido á regularización catastral. Todos estes datos considéranse imprescindibles antes de abordar calquera proceso de participación veciñal referido á repartición do recadado a maiores pola regularización catastral.