xoves, 20 de abril de 2017

Un modelo de concello aberto


 


 

De que maneira nos queremos organizar como comunidade do rural? Cada habitante na súa casa, pechado entre bloques de formigón coma nun piso? Ou nunha comunidade aberta na que a veciñanza fai seus os problemas do resto e onde a maioría participa en actividades colectivas polo ben do grupo? Non nos enganemos. Hai xente que prefire o primeiro modelo. Ao modelo pechado só lle fai falta unha chave para vivir entre catro paredes. O modelo de portas abertas, polo que nós apostamos, require que interveñan outros axentes a diferentes niveis e en distintos ámbitos. Logo, nun recolles o pouco que sementaches e no outro todas as persoas sementan na mesma leira, a leira dunha sociedade cooperadora, e os beneficios reverten en todas por igual.

A xestión dos asuntos colectivos no ámbito municipal é unha tarefa ardua. Os responsables políticos elixidos nas urnas deciden sobre os proxectos públicos, pero non deben facelo ao chou nin de costas ao pobo. As organizacións sociais e a cidadanía en xeral teñen que esixirlles aos poderes públicos que se escoiten as súas opinións, que se recollan e negocien as súas críticas e que se consideren as súas propostas e demandas. O feito de compatibilizar a democracia representantiva co dereito á participación implica ir tendendo unha serie de pontes desde as institucións non sempre a gusto dos xestores públicos. Lograr que as institucións sexan permeables e transparentes á cidadanía vai implicar que funcionen mellor, pero tamén traerá como consecuencia unha certa transferencia de poder e responsabilidade dos asuntos públicos cara á xente que inquietará a algúns gobernantes.

A sociedade organízase arredor de grupos que tecen redes de contacto que lles dan estrutura. Os individuos non están sos, senón que se agrupan en familias, barrios, asociacións e noutros colectivos afíns que se interrelacionan a diferentes niveis. Coñecer estes movementos relacionais desde os poderes públicos, identificalos e activalos supón empezar a utilizar instrumentos de política social, onde o denominado terceiro sector, o entramado de organizacións da sociedade civil, cobra un papel central. Estamos a referirnos a entidades organizadas formalmente, independentes das administracións públicas, sen ánimo de lucro, con autonomía para tomar as súas propias decisións e cun forte grao de participación voluntaria entre os seus membros. Forman parte deste terceiro sector organizacións non-gobernamentais, cooperativas e mutualidades, fundacións e asociacións, así como outro tipo de entidades non lucrativas. Debe ser obxectivo das institucións e das políticas públicas impulsar este tipo de organizacións, así como implantar procesos de comunicación e participación destes actores sociais nas cousas públicas.

Para saber a posición actual en que se atopa o noso concello con respecto á súa comunidade, podemos situar as súas actuacións nun dos cinco principais enfoques de intervención comunitaria, que teñen dous elementos centrais: os xestores políticos e os axentes sociais. Nos dous modelos extremos só cabe a presenza dun destes actores: ben os políticos actuando de costas á cidadanía (escenario relativamente corrente), ben esta tomando todas as todas as decisións cos recursos de todos (case impensable no noso contexto). Dos tres modelos restantes, o central, ao que deberiamos aspirar, procura que ambos os actores compartan capacidade de toma de decisións de xeito máis ou menos equitativo. No cuarto, poida que o máis habitual, os poderes públicos toman todas as decisións, escoitando de cando en vez os problemas e as propostas da xente, que non sempre van ser tidas en conta. E o quinto, máis inclinado cara ao desenvolvemento comunitario, pode producir tensións nos xestores públicos ao perderen estes capacidade de decisión do destino dos cartos de que teñen que responder perante a cidadanía.

Cada vez máis, a participación está a ser considerada un referente da calidade de vida da comunidade. Son indicadores da saúde democrática das nosas institucións locais a cantidade e a calidade da información pública ofrecida, os medios empregados para acceder a esa información, os procesos de deliberación comunitaria establecidos e as súas implicacións, realizar consultas á cidadanía, avaliar todas as liñas de participación cidadá desenvolvidas ou avanzar na mellora continua destes procesos. Entre os mecanismos de participación que afondan nesta liña destacan os orzamentos participativos, os consellos cidadáns, os plans estratéxicos territoriais, as agrupacións de desenvolvemento local, as asembleas territoriais, as xuntanzas comunais, as plataformas cidadás, etc. Cada un deles ten sentido para repartir mellor os fondos públicos, para mellorar a vida dos habitantes ou simplemente para crear redes que se retroalimenten a través da información e o diálogo compartidos. En definitiva, cómpre mudar o estilo de xestión de arriba para abaixo e ir incorporando cada vez máis o estilo desde abaixo para arriba, abrir as portas das institucións e compartir os recursos de que se dispón de xeito que ninguén se sinta fóra do territorio no que vive.