Boa parte do que facemos é comunicación,
oral ou escrita, con palabras ou sen elas. Comunicar é transmitir
mensaxes aos demais de forma clara e entendible, sendo receptivos ás
súas propostas e integrándoas nas nosas para lograr convencelos.
Estamos a falar da competencia máis transversal do ser humano,
aquela que integra coñecementos (saber), habilidades (facer) e
actitudes (querer facer). Para activala, é necesario saber de que
falamos, poder aplicar o que temos na mente e poñer en marcha unha
actitude adecuada para desenvolvelo de xeito adecuado. En definitiva,
na comunicación actívanse as partes cognitiva, de aplicación
práctica e emocional da persoa.
O
triángulo saber-facer-querer
sitúa como elemento central a parte práctica, a xestión, clave
para lograr o éxito en calquera empresa colectiva. Como dicía
Goethe, “non abonda con saber, débese tamén aplicar. Non é
suficiente querer, tamén se debe facer”. Na parte de obrar
interveñen, ademais dunha boa comunicación, a capacidade de
liderado, o traballo en equipo, o compromiso e a adaptación ao
cambio. Así mesmo, debemos xestionar ben os conflitos, planificar,
fomentar a innovación e a creatividade, a aprendizaxe e o pensamento
estratéxico. Manexando ben estas dez pezas, estaremos en condicións non só de construír, senón tamén de difundir un proxecto sólido e duradeiro.Antes de pasar á acción, cómpre saber como temos que proceder na práctica comunicativa. Algunhas preguntas básicas poden axudarnos a despexar dúbidas: que imos facer?, como o queremos facer?, cando o pretendemos realizar?, hai alguén máis implicado no proxecto?, quen o vai revisar?, etc. Ao traballar en grupo, todos os membros deben asumir os fins, os valores e os retos do proxecto conxunto; compartir obxectivos e definir tarefas comúns. A planificación estratéxica, trazada a través dun proceso participativo das persoas implicadas, está detrás dunha boa aplicación práctica, avaliando as condicións de cada alternativa, diferenciando fins e medios para conseguir estes fins, considerando recursos, prioridades e escollendo un procedemento para realizar o planificado. Se hai unha boa estruturación da actividade, logo será máis fácil explicarlla aos demais.
A
comunicación proactiva
pode determinar, en definitiva, a clave do éxito daqueles proxectos
colectivos que levamos a cabo. Transmitimos mensaxes, non só a
través do que dicimos, senón tamén de como o dicimos ou, mesmo, do
que non dicimos. Hai silencios máis expresivos que moitos discursos.
Comunicar tamén implica facer entender que comprendemos as
necesidades dos outros e, mesmo, que camiñamos na mesma senda ca
eles. Pola contra, ser incapaz de comunicarse, ou facelo mal, nunhas
ocasións implica truncar un vínculo (afectivo, de interese, de
proximidade, etc.), mais outras chega a colocar os receptores en
oposición ao emisor por un simple efecto rebote forte ao que non se
comprende porque non se soubo transmitir ben. Polo
tanto, arredarse das mensaxes
directas e sinxelas ou comunicar sen seguir o sentido común son
elementos que apuntan ao fracaso. Canto deberían aprender os nosos
políticos destas eivas!