Pasado
algo máis dun ano da regulación castastral aplicada polo Ministerio de Facenda
en Ames, aínda perduran as súas secuelas. Non parece lóxico que suba o IBI ano
tras ano ao mesmo tempo que baixan os prezos da vivenda, debido a que en moitos
casos os valores desta última non foron revisados desde o período de
bonanza económica. Polo que parece, as valoracións realizadas polo Catastro de
2005 a 2007, entre as que se encontra o Concello de Ames, atópanse de media por
riba do cincuenta por cento do valor de mercado. Mentres tanto, o valor da
vivenda baixou arredor dun trinta por centro durante os anos de crise. De
feito, nos orzamentos do Estado de 2014 estaba previsto que, nun prazo de cinco
anos, os municipios que non revisasen os seus valores catastrais en 2006, 2007
e 2008 puidesen rebaixalos, sempre e cando “detecten diferenzas substanciais
entre os valores de mercado e os que serviron de base para a determinación dos
valores catastrais vixentes”. O Concello de Ames baixouno ao 0,44 por cento.
Polas
mesmas datas, os valores catastrais máis antigos, ou sexa, os que non se
cambiaron dende hai máis anos (última revisión de 1984 a 2003), situación que se dá nos concellos de Pontevedra, Vigo ou A Coruña, sufriron unha actualización
á alza. O certo é que case a metade dos 10.211 millóns de euros recadados por
Facenda en concepto de IBI en 2011 proviron do que este imposto subiu desde
2007, ano no que se recadaba 5.821 millóns. Do mesmo xeito, na década actual a
suba é continua un ano tras outro, ao que lle hai que sumar os máis de novecentos
millóns procedentes da regularización catastral aplicada entre 2013 e 2016 e a súa aplicación retroactiva catro anos para atrás, con todo o cal moitas propiedades pasaron a duplicar o IBI pagado por elas en cuestión de dúas
ou tres anualidades. Non obstante o anterior, varias sentenzas do Tribunal
Constitucional (STC 26/2017, STC 48/2017/2017 e STC do 11 de maio de 2017)
declararon inconstitucionais os artigos 107.1 e 107.2 a) da lei reguladora das
facendas locais referidos á base impoñible que aplicar constituída polo
incremento do valor dos terreos ao longo dos anos “unicamente na medida que
someten a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor”.
Despois
de todos estes datos, volvemos á cuestión inicial: por que se o meu concello
baixa o tipo impositivo de IBI eu pago cada ano máis pola miña propiedade? A
resposta é sinxela: o Concello aplica unha porcentaxe de tributación sobre
unhas valoracións realizadas previamente polo Ministerio de Facenda, que xa
tivo bo coidado de actualizar estes valores á alza antes de iniciar a última
regularización catastral. Se estas táboas están acordes cos tempos ou conteñen
importes incrementados, haberá que analizalo caso a caso. Tamén convén saber que o
traballo de campo da regularización faino unha empresa contratada e adoita
conter erros abundantes na medición das superficies construídas, na
tipificación dos usos dos inmobles, etc., case sempre en contra da xente, que se ve obrigada a demostrar o fallo. Por riba, a xestión deste tributo en
moitos casos está cedida ás deputacións provinciais, co que nos concellos dificilmente
atoparemos un interlocutor válido disposto a axudarnos.