Que
importa máis: a verdade, a mentira flagrante ou a verdade aparente?
Dicir a crúa verdade pode incomodar en determinadas circunstancias
polas consecuencias que comporta. Mentir abertamente non nos levará
moi lonxe porque acabaremos caendo. Mais utilizar retrincos de
verdade para adubialos a gusto e levar o discurso ao noso terreo, iso
é outra cousa. Que algo aparente ser verdade pode resultar máis
interesante e útil para os propios intereses que a verdade en si
mesma. Ademais, todo o mundo di algunha mentira piadosa de cando en
vez, non si?
Analicemos
unha noticia de prensa para ilustrar o fenómeno da posverdade:
“Críticas polo reparto dos 810.000 € do ‘catastrazo’ coa
nova Fedarames” (El Correo Gallego, 9 de marzo de 2017).
Ramón García Argibay, líder do partido político Pacto por Ames, nunha
rolda de prensa convocada a xornada anterior para criticar a escasa
achega de diñeiro ao rural no novo orzamento municipal, coincidindo
co Día da Muller Traballadora, comeza a súa intervención lembrando
que a muller traballadora amiense está “aínda” en peores
condicións con este Goberno. Esqueceu dicir que un 8 de marzo de
2013, a secretaria do Concello asinara unha certificación relativa a unha moción pola que se censuraba o daquela rexedor no contexto dunha manifestación de varios centos de persoas producida días atrás contra o cobro retroactivo da taxa do lixo no rural, decidida polo Goberno do Partido Popular do que Argibay formaba parte nesa altura. Por esa malfadada decisión, moitas mulleres traballadoras verían minguados os
seus ingresos de forma considerable.
Continúa
a intervención criticando a aparición da Federación de Asociacións
do Rural de Ames, que asinou o 24 de febreiro de 2017 un acordo co
Goberno local para reinvestir no rural os 810.000 € que se prevén
recadar en concepto de regularización catastral, asunto máis
coñecido como ‘catastrazo’. As críticas céntranse en que esta
organización non existe e en que é unha “mera pantomima entre
Ames Novo e o Tripartito para xustificar o acordo de investimentos”.
Óbviase ou ignórase que a federación está legalmente constituída
desde 15 de febreiro de 2017, data en que as asociacións que a
forman aprobaron os seus estatutos. Afírmase que é un instrumento
político creado para asinar os orzamentos, cunha clara intención
difamatoria sen fundamento ningún. E créase confusión presentando
cifras diferentes coma se fosen a mesma: os 32.000 € mencionados de
investimento, que proceden de fondos da Deputación Provincial, e os
810.000 € son a maiores do investimento ordinario que se realiza
cada ano no rural, cantidade que non aparece por ningunha parte na
noticia de Pacto por Ames.
En
definitiva, que doado é barrer para a casa cando se manipulan os datos!
Repetindo ata a saciedade argumentos cociñados, primeiro ante a
prensa e logo polas parroquias para dar máis sensación de certeza e
convicción. Creando falsos rumores e fomentando calumnias. Omitindo
a parte da información que non interesa divulgar e evitando falar da
totalidade dos asuntos, tan só pinceladas soltas. Mesturando datos
de información con opinións propias negativas acerca do Goberno e
dos seus novos orzamentos, datos dunha nova organización social de
par de supostos manexos políticos, etc. Pero, onde está a verdade?
O certo é que a verdade pouco importa, tan só interesa lograr unha
determinada percepción social do que alguén quere presentar como
‘verdade’: a posverdade.