luns, 6 de marzo de 2017

Facer país


Creo que foi o matemático Enrique Vidal Abascal quen dixo que un e un non son dous, son once. Non cabe dúbida de que a unión fai a forza. Mais tamén parece evidente que a forza do grupo pode ir máis alá da que achega cada un dos seus membros. A metodoloxía holística estuda as distintas características do conxunto, fronte ás das partes que o compoñen, resultado non dunha simple suma, senón da complexa integración simbiótica das súas pezas. Os bos equipos reforzan as capacidades das persoas que os compoñen converténdoas en grandes logros colectivos e potencian sinerxias e habilidades pouco desenvolvidas individualmente. No extremo contrario, o reducionismo pretende limitar a explicación do conxunto analizando cada un dos seus elementos de forma máis ou menos independente. Existen teorías para todos os gustos, o resultado da experiencia é o que importa.
Vai para un ano que un grupo de amigos, representantes de varias asociacións de Ames, decidimos darlles ás nosas pequenas agrupacións unha maior proxección. A forza que nos une está clara: vivimos na aldea e compartimos necesidades similares. Tamén está ben definido o obxectivo estratéxico inicial: queremos ter voz propia perante as institucións e que elas nos consideren como parte do seu proxecto político. Se o asociacionismo actuou de amálgama, o noso instrumento motor foi a necesidade de participar nas cousas públicas. Así naceu o 15 de febreiro de 2017 FEDERAMES, a Federación de Asociacións do Rural de Ames, coa arela de aglutinar as inquedanzas dos oito mil habitantes que viven nas zonas rurais do concello.
Poida que facer país sexa moitas cousas, pero non a falta de compromiso perante os problemas da cidadanía, o camiño máis cómodo que ninguén debería coller porque non chega a ningures. A partir da implicación xurdiron proxectos, coma as teselas que conforman un mosaico. Os mil novecentos afectados pola regularización catastral aplicada en 2016 equivalían á cuarta parte dos habitantes do rural de Ames, nós mesmos vítimas do ‘catastrazo’, en moitos casos de forma inxusta. Así mesmo, fóronse vencendo vellos medos e prexuízos, abríndose as portas da política aos colectivos sociais. A maiores, os novos tempos crearon inéditos escenarios de participación nos asuntos municipais que animaron a cooperación achegando ideas e propostas de novo cuño. Sempre transmitindo a voz da xente que, lonxe de parecer invisible, leva a súa opinión clara e contundente ata onde esta debe chegar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario