venres, 20 de xaneiro de 2017

O transporte público dentro do concello: necesidade ou luxo?




Corría 2008 cando o alcalde daquela, Carlos Fernández, decidiu abordar o ambicioso proxecto de implantar unha rede de autobuses que comunicaran as aldeas do concello cos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro. A Xunta, gobernada polo PSG e o BNG, parecía disposta a apoiar o proxecto, e mesmo dispuña dun estudo detallado que artellaba Ames en preto dunha ducia de liñas de transporte. Pretendíase que as primeiras liñas intramunicipais empezasen a funcionar antes das eleccións locais de 2011 para rematar a rede na seguinte lexislatura. Pero nesta venceu o PP e as prioridades políticas mudaron. Despois de nove anos, non houbo ningún gobernante que retomase aquela iniciativa.
Na zona rural de Ames viven preto de 12.000 persoas, algo máis dun terzo da poboación municipal. As súas necesidades de transporte viran arredor de tres eixes: Santiago de Compostela, Bertamiráns e o Milladoiro. Partindo da base de que as dúas grandes vilas locais están ben comunicadas coa capital, cómpre decidir se o transporte público desde as aldeas do concello é unha necesidade ou un capricho. En Ames hai uns cento vinte núcleos de poboación, un bo número dos cales carece de transporte público. A poboación amiense distribúese en dúas grandes zonas separadas pola estrada de Noia. Unha zona norte que remata en Bertamiráns, máis extensa, menos poboada e moi dispersa; e unha zona sur, localizada arredor do Milladoiro, máis reducida, poboada e concentrada. A partir desta realidade e considerando as liñas de transporte metropolitano e de liña existentes, parece lóxico iniciar ou potenciar a comunicación desde o rural dirixida de xeito radial a esas dúas vilas, en especial a Bertamiráns.
Unha rede de transporte que enlazase as aldeas cos núcleos municipais non só lle facilitaría a vida a esa xente arestora incomunicada, senón que tamén dinamizaría o comercio local e mesmo podería servir de lanzadeira para enlazar con outras liñas que saian do concello. En tempos de crise, ás veces escóitase que non hai fondos para proxectos deste tipo, mais o caso do concello de Abegondo, cunha superficie similar á de Ames pero seis veces menos poboado, contradí esta afirmación, xa que dispón de oito liñas de transporte intramunicipal, todas elas gratuítas. No noso municipio, contamos co compromiso do alcalde, José Miñones, de que o millón de euros que as arcas locais contan recadar en 2017 polo cobro retroactivo do ‘catastrazo’ retorne ao rural en forma de investimentos. Que mellor investimento que facilitarlle a vida á xente, moita dela de idade avanzada e con escasos medios, para que poida ir ao médico, facer a compra ou realizar algunha xestión no banco ou noutras oficinas de forma doada?

mércores, 11 de xaneiro de 2017

O 'catastrazo' e o seu investimento na zona rural: problemas, problemas e máis problemas

Un millón de euros procedentes do cobro retroactivo do IBI de inmobles pendente de retorno ao rural

O pasado 10 de xaneiro celebrouse no Concello unha xuntanza entre varios membros do Goberno local e representantes das asociacións do rural. A reunión solicitáraselle ao alcalde por tres motivos, que se especifican a seguir xunto coas respostas dos representantes municipais.

1. Coñecer as previsións de investimentos municipais para este ano nas zonas rurais de Ames, desagregadas por partidas

Esta petición realizouse para coñecer o importe do que o Concello tiña a intención de destinar ao rural sen contar co incremento derivado do cobro retroactivo do IBI polo 'catastrazo'.
Nin o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, nin a concelleira de Economía e Facenda concretaron o importe do previsto para investir na zona rural.

2. Coñecer o importe da recadación relativa ao cobro retroactivo da denominada taxa de regularización catastral que afecta a preto de dous mil amienses, desagregada por meses, así como as previsións futuras ao respecto
Esta petición realizouse para saber canto ía ser o incremento comprometido polo Concello para destinar ao rural polo cobro retroactivo do catastro.

Non se concretou este importe porque o Concello o descoñece ata que a Deputación Provincial, que ten transferida a xestión do cobro deste imposto, lle pase a información. Si se comunicou o total previsto recadar por este concepto, que ascende a 988.300 €. Tamén se dixo que en 2017 se destinará unha partida de 150.000 € a servizos básicos de saneamento e similares no ámbito rural. Afirmouse que esta última partida é a maiores dos ‘investimentos ordinarios’ previstos, que, segundo o concelleiro de Servizos Básicos, foron arredor de 600.000 € en 2016. Pero, ao non se concretar con precisión estes últimos, tampouco se clarexou de que xeito os 150.000 € suporían un incremento nin tampouco en que consiste o concepto ‘investimentos ordinarios’.
3. Coñecer as liñas de participación veciñal previstas polo Concello para a repartición do anterior incremento recadatorio no ámbito rural

Esta petición buscaba coñecer as formas de participación previstas para artellar a distribución do importe recadado polo catastro, posto que o Concello vinculou a súa repartición a abrir un proceso de participación veciñal para realizala.
Non se concretou ningunha forma de participación, pero adiantouse que se está a preparar desde a Concellaría de Economía e Facenda un texto que regule esta participación, na que se contará cos diferentes colectivos sociais implicados. Tamén se anunciou que o Concello ten a intención de destinar 132.000 € a un novo concepto denominado ‘orzamento participativo’ para 2017, 12.000 € para cada parroquia, destinados a atender aquelas necesidades máis urxentes. Non se especificou nada para anos futuros, tan só se declarou a vontade de manter esta liña de traballo, que se vinculou para este ano e os seguintes á aprobación dos orzamentos municipais, cousa que non se logra desde o ano 2012. Non quedou claro como se mantería esta partida se non se lograse aprobar os orzamentos e, aínda aprobándoos, como se chegaría a investir no rural o total de un millón de euros recadado polo ‘catastrazo’.