venres, 20 de xaneiro de 2017

O transporte público dentro do concello: necesidade ou luxo?




Corría 2008 cando o alcalde daquela, Carlos Fernández, decidiu abordar o ambicioso proxecto de implantar unha rede de autobuses que comunicaran as aldeas do concello cos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro. A Xunta, gobernada polo PSG e o BNG, parecía disposta a apoiar o proxecto, e mesmo dispuña dun estudo detallado que artellaba Ames en preto dunha ducia de liñas de transporte. Pretendíase que as primeiras liñas intramunicipais empezasen a funcionar antes das eleccións locais de 2011 para rematar a rede na seguinte lexislatura. Pero nesta venceu o PP e as prioridades políticas mudaron. Despois de nove anos, non houbo ningún gobernante que retomase aquela iniciativa.
Na zona rural de Ames viven preto de 12.000 persoas, algo máis dun terzo da poboación municipal. As súas necesidades de transporte viran arredor de tres eixes: Santiago de Compostela, Bertamiráns e o Milladoiro. Partindo da base de que as dúas grandes vilas locais están ben comunicadas coa capital, cómpre decidir se o transporte público desde as aldeas do concello é unha necesidade ou un capricho. En Ames hai uns cento vinte núcleos de poboación, un bo número dos cales carece de transporte público. A poboación amiense distribúese en dúas grandes zonas separadas pola estrada de Noia. Unha zona norte que remata en Bertamiráns, máis extensa, menos poboada e moi dispersa; e unha zona sur, localizada arredor do Milladoiro, máis reducida, poboada e concentrada. A partir desta realidade e considerando as liñas de transporte metropolitano e de liña existentes, parece lóxico iniciar ou potenciar a comunicación desde o rural dirixida de xeito radial a esas dúas vilas, en especial a Bertamiráns.
Unha rede de transporte que enlazase as aldeas cos núcleos municipais non só lle facilitaría a vida a esa xente arestora incomunicada, senón que tamén dinamizaría o comercio local e mesmo podería servir de lanzadeira para enlazar con outras liñas que saian do concello. En tempos de crise, ás veces escóitase que non hai fondos para proxectos deste tipo, mais o caso do concello de Abegondo, cunha superficie similar á de Ames pero seis veces menos poboado, contradí esta afirmación, xa que dispón de oito liñas de transporte intramunicipal, todas elas gratuítas. No noso municipio, contamos co compromiso do alcalde, José Miñones, de que o millón de euros que as arcas locais contan recadar en 2017 polo cobro retroactivo do ‘catastrazo’ retorne ao rural en forma de investimentos. Que mellor investimento que facilitarlle a vida á xente, moita dela de idade avanzada e con escasos medios, para que poida ir ao médico, facer a compra ou realizar algunha xestión no banco ou noutras oficinas de forma doada?

Ningún comentario:

Publicar un comentario