xoves, 9 de febreiro de 2017

Quero camiñar, onde están os camiños?






Moitos son os peóns que transitan por Ames, por onde pasan dous camiños de Santiago, a parte final do Camiño Portugués e a inicial do Camiño Real que vai a Fisterra. Outras persoas simplemente fan sendeirismo coa familia, corren ou van en bicicleta de montaña. Mais, por onde? Os montes son lugares illados, desprotexidos e en ocasións perigosos. As beiras das estradas non parecen o mellor sitio para realizar estas actividades de lecer. Así que a xente opta polas beirarrúas das vilas e das aldeas, cando as hai, para pasear. E os camiños... que pasa cos camiños?

Ames ten unha orografía empinada tanto cara ao norte coma cara ao sur, que pode disuadir a algúns de utilizar os carreiros para andar. Pero o seu territorio está inzado de camiños peonís e pistas, polo xeral nun estado de conservación lamentable. No seu día abriuse a Senda Verde entre Bertamiráns e o Milladoiro e tamén se acondicionaron algúns treitos das rutas da auga arredor da varios muíños construídos a carón dos ríos, que atraían mesmo a grupos de escolares para realizar actividades pedagóxicas. Todo iso botouse a perder por falta de mantemento; como consecuencia, non se pode pasar por elas e, en moitos casos, non quedan nin os postes sinalizadores.

Estase a converter nunha necesidade inaprazable que se potencien as rutas e sendas verdes, coidalas e darlles valor con algo máis que boas palabras. A páxina web do Concello anuncia un plan de recuperación de camiños tradicionais e novas rutas, ser máis información. Desde a Federación queremos apuntar que esta idea debería enfocarse a longo prazo e con sentidiño, contando coa colaboración das asociacións e demais axentes sociais do ámbito rural para axudar a identificar esas antigas vías de comunicación, recuperalas e sinalizalas. Tamén sería interesante ampliar os carreiros ata os límites de cada parroquia para enlazalos cos da seguinte e, así, lograr unha vasta rede peonil municipal. Noutras verbas, que quen quixese tivese a posibilidade rodear o concello pisando terra.


 




Ningún comentario:

Publicar un comentario