luns, 13 de febreiro de 2017

Orzamentos participativos: u-la participación?




O Goberno municipal de Ames está a traballar nunha proposta que denominou orzamento participativo e que define como “unha ferramenta activa de participación e xestión na que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte dos recursos municipais”. No caso de que se chegase a aprobar o novo orzamento, que se vén prorrogando desde 2013, crearíase unha partida orzamentaria por importe de 132.000 euros destinada a financiar en 2017 proxectos ou infraestruturas no rural, repartidos a razón de 12.000 euros por parroquia. Ata aquí a proposta.
Cando se incorpora a perspectiva cidadá nos procesos de toma de decisións das administracións públicas estase a mellorar a calidade democrática da poboación na que vive. Canta máis participación haxa nos asuntos locais, mellores serán as decisións adoptadas pola clase política porque elas nacerán das necesidades reais. Así mesmo, en moitos casos serán ideas novas, tomadas de forma consensuada e transparente, que servirán para enriquecer a acción política.
Podemos identificar dous tipos básicos de participación cidadá. A participación individual, que se realiza mediante votacións, presentando suxestións e reclamacións ou intervindo en xuntanzas, plenos ou consultas cidadás. E a participación colectiva, sobre todo cando é permanente, que pode ter unha base asociativa ou institucional. As asociacións poden formar parte de diversos procesos participativos, coma tal orzamentos, plans comunitarios e outros. A institución municipal tamén pode crear diversos órganos participativos, coma os foros, as asembleas ou as comisións veciñais.
Doutra banda, existen diferentes escalas de participación cidadá. No nivel máis básico, o Concello facilita información sobre unha actuación á veciñanza, ou tamén á inversa, mais esta non inflúe nin participa de forma activa. Nun segundo nivel, a xente é consultada sobre a súa opinión acerca dunha actuación que se vai desenvolver, que pode ou non ser vinculante. Nun terceiro nivel, mediante a concertación establécese unha participación sistemática e estable de representantes cidadáns (asociacións veciñais ou sectoriais) nos procedementos administrativos ou na formulación de políticas públicas. E, nun cuarto nivel, a veciñanza deseña un proxecto conxuntamente coa administración e a decisión da xente inflúe no resultado final. Dependendo do grao de participación de que se estea falar, pode haber procesos informativos, consultas participadas ou procesos participativos. Estes últimos, que poden proceder de iniciativa institucional ou cidadá, requiren un proceso de elaboración dividido en cinco fases: análise da situación, deseño e elaboración do proxecto participativo e do plan de comunicación, posta en marcha dos espazos de participación, finalización e avaliación.
Cando falamos de participación cómpre saber ben a que nos estamos a referir, non confundir os distintos tipos e escalas de participación e non chamarlle participación ao que non o é. Analizado o documento denominado “Orzamento participativo Concello de Ames 2017”, concluímos que é un pouco varias destas cousas, pero ningunha en conxunto. “Os orzamentos participativos corresponden en xeral a unha sistematización e regulamentación do sistema de concertación, posto que raramente acada o nivel de verdadeira co-decisión” (F. Pujol e J. C. Molero: “La participación ciudadana en los presupuestos de los principales municipios navarros. Situación actual y perspectivas”). A iniciativa citada parece mesturar tipos de participación individual e colectiva e aspectos dos niveis participativos de información e de opinión. Mais non queda aí: se non fora polas visitas ás parroquias previstas, a proposta semellaría unha convocatoria de subvención encuberta, tanto na forma en que prevé que se presenten os proxectos como na toma de decisións sobre que proxectos apoiar. Daquela, máis que participación directa, como se afirma, trátase de reunir opinións da cidadanía para logo decidir o que se considere oportuno desde a institución municipal. Un concurso de ideas, en definitiva.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario