O pasado 10 de xaneiro celebrouse no Concello unha xuntanza entre varios membros do Goberno local e representantes das asociacións do rural. A reunión solicitáraselle ao alcalde por tres motivos, que se especifican a seguir xunto coas respostas dos representantes municipais.
1. Coñecer as previsións de investimentos municipais para este ano nas zonas rurais de Ames, desagregadas por partidas
Esta petición realizouse para coñecer o
importe do que o Concello tiña a intención de destinar ao rural sen contar co
incremento derivado do cobro retroactivo do IBI polo 'catastrazo'.
Nin o concelleiro de Urbanismo, Obras
Públicas e Servizos Básicos, nin a concelleira de
Economía e Facenda concretaron o importe do previsto para investir na zona rural.
2. Coñecer o importe da recadación relativa ao cobro retroactivo da
denominada taxa de regularización catastral que afecta a preto de dous mil
amienses, desagregada por meses, así como as previsións futuras ao respecto
Esta petición realizouse para saber canto ía ser o
incremento comprometido polo Concello para destinar ao rural polo cobro
retroactivo do catastro.
Non se concretou este importe porque o Concello o descoñece
ata que a Deputación Provincial, que ten transferida a xestión do cobro deste
imposto, lle pase a información. Si se comunicou o total previsto recadar por
este concepto, que ascende a 988.300 €. Tamén se dixo que en 2017 se destinará
unha partida de 150.000 € a servizos básicos de saneamento e similares no
ámbito rural. Afirmouse que esta última partida é a maiores dos ‘investimentos
ordinarios’ previstos, que, segundo o concelleiro de Servizos Básicos, foron arredor de
600.000 € en 2016. Pero, ao non se concretar con precisión estes últimos, tampouco se
clarexou de que xeito os 150.000 € suporían un incremento nin tampouco en que
consiste o concepto ‘investimentos ordinarios’.
3. Coñecer as liñas de participación veciñal previstas polo
Concello para a repartición do anterior incremento recadatorio no ámbito rural
Esta petición buscaba coñecer as formas de participación
previstas para artellar a distribución do importe recadado polo catastro, posto
que o Concello vinculou a súa repartición a abrir un proceso de participación
veciñal para realizala.
Non se concretou ningunha forma de participación, pero adiantouse
que se está a preparar desde a Concellaría de Economía e Facenda un texto que
regule esta participación, na que se contará cos diferentes colectivos sociais
implicados. Tamén se anunciou que o Concello ten a intención de destinar 132.000
€ a un novo concepto denominado ‘orzamento participativo’ para 2017, 12.000 €
para cada parroquia, destinados a atender aquelas necesidades máis urxentes.
Non se especificou nada para anos futuros, tan só se declarou a vontade de
manter esta liña de traballo, que se vinculou para este ano e os seguintes á aprobación
dos orzamentos municipais, cousa que non se logra desde o ano 2012. Non quedou
claro como se mantería esta partida se non se lograse aprobar os orzamentos e,
aínda aprobándoos, como se chegaría a investir no rural o total de un millón de
euros recadado polo ‘catastrazo’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario