O día 15 de febreiro de 2017 as asociacións Pedra do Fuso (Ames), O Corpiño (Ames), Monte do Crego (Trasmonte), San Pedro de Bugallido, Paravent (Biduído) e Covas constituíron a Federación de Asociacións do Rural de Ames (FEDERAMES). FEDERAMES elixiu a súa primeira Xunta Directiva, composta por Manuel Freire como presidente, Manuel Lens como vicepresidente, Benxamín Dosil como secretario e Inés Sanmartín como tesoureira. A Federación adoptou, como primeiro acordo, transmitirlle ao Concello a súa posición con respecto á proposta realizada polo actual Goberno municipal o 10 de xaneiro de 2017 sobre o retorno ao rural do recadado en concepto de cobro retroactivo do IBI con motivo do proceso de regularización catastral, coñecido comunmente como “catastrazo”.
En primeiro lugar, respecto ás opinións vertidas por representantes municipais de que as asociacións están de acordo “no fundamental” coa proposta do Concello, a federación quere matizar que o fundamental é, para os seus membros, o compromiso do alcalde adquirido o 16 de outubro de 2016 de que os 988.000 euros previstos de recadar volverán ás zonas rurais en forma de investimentos desenvolvidos en colaboración cos colectivos implicados. Como compromiso que é, xa foi asumido polo Goberno e non é motivo de negociación. Agora as propostas deben centrarse en clarexar o cando, o canto e o como se reinviste o importe recadado.
En segundo lugar, respecto á proposta municipal de destinar 150.000 euros a maiores do actualmente investido en servizos básicos de saneamento e similares no ámbito rural, a federación considera que é insuficiente, pechada e difícil de medir. É insuficiente porque apenas supera o quince por cento do que se prevé recadar en total. É pechada porque non se lles dá a posibilidade aos axentes sociais de decidir en que se inviste esa cantidade. E é difícil de medir porque non se facilitaron as estimacións iniciais de investimento no rural para 2017 sen incluír este incremento. Pódese consultar o resumo da xuntanza que mantivo FEDERAMES co Concello
neste sitio.
En terceiro lugar, respecto dos 132.000 euros previstos para investir nunha nova partida denominada “Orzamentos participativos Concello de Ames 2017”, a federación cre que responde de forma moi reducida ás súas demandas e que limita a participación á mínima expresión. Dunha banda, as necesidades do rural son de gran envergadura e unha repartición de tan poucos fondos en multitude de pequenos proxectos vai minimizar a repercusión do investido. E, doutra, a participación anunciada parece que se limita a achegar ideas ou propostas para que logo o Concello decida o seu destino.
FEDERAMES considera que se debe incrementar este investimento e que debe ir dirixido a iniciativas de maior entidade, coa implicación dos axentes sociais en todas as fases de decisión.
En cuarto lugar, respecto da opinión global da federación acerca do reinvestimento no rural do recadado polo “catastrazo”, FEDARAMES estima que:
-Dado que a maior parte da taxa se ingresará nas arcas municipais durante 2017, coida prioritario que se fixen durante este exercicio todas as prioridades de investimento para o rural incluídas neste incremento recadatorio de 988.000 euros. Non obstante, tamén se deberían ter en conta os ingresos iniciais por este concepto durante os últimos meses de 2016 e os posibles remanentes que chegasen en 2018.
-Debe dárselles prioridade aos proxectos que beneficien á totalidade ou á inmensa maioría da poboación que vive nas zonas rurais fronte a outras iniciativas de ámbito máis reducido. Preferentemente, serán proxectos novos, pero tamén cabe a posibilidade de ampliar proxectos existentes que sexan de interese para a maioría, segundo o criterio dos axentes sociais.
-Tanto as asociacións como a Federación deben ter unha implicación sistemática en todo o proceso de decisión, desde o deseño e elaboración das propostas participativas municipais, ata o desenvolvemento e finalización dos proxectos que se acometan. Daquela, a contribución de FEDERAMES e das asociacións que a compoñen non pode limitarse a dicir si ou non a iniciativas municipais pechadas.
En quinto lugar, respecto das propostas concretas que a Federación considera prioritarias, esta invita ao alcalde a unha xuntanza para explicarllas con maior detalle, no caso de que se adopte a decisión de investir a totalidade do recadado.