martes, 7 de novembro de 2017

Mesa redonda sobre o control e loita contra a avespa asiática


 

A avespa asiática ou velutina é unha especie invasora que chegou ao territorio de Ames hai dous ou tres anos. Desde entón, está a experimentar unha fortísima expansión debido á súa facilidade de adaptación e ás condicións climáticas favorables. Durante estes últimos meses, as zonas rurais do noso concello foron invadidas por este insecto, que é moi voraz e non ten depredadores naturais. Mais tamén se empezaron a ver niños desta especie nos núcleos de poboación e mesmo nas vilas, co conseguinte perigo para as persoas, pois as súas picaduras son moi daniñas.

A Federación de Asociacións do Rural de Ames, dentro da súa primeira xornada cultural, creu oportuno abordar o impacto da expansión da velutina no noso medio ambiente, coa intención de entender a dimensión desta praga, case imposible de erradicar segundo os expertos. Invítase toda a xente interesada a asistir á mesa redonda titulada “Control e loita contra a avespa velutina”, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o día 25 de novembro ás 7 da tarde. Neste acto intervirán os seguintes relatores:

-Laura García, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura

-Jesús Orejas, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural

-Elisa Gago, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

-Diego Sánchez, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego

-Xulio Maside, profesor da Facultade de Medicina e investigador da Universidade de Santiago de Compostela

Despois destas intervencións, abrirase unha quenda de debate na se poderán formular todas as dúbidas e inquedanzas acerca deste problema.

luns, 16 de outubro de 2017

Ata que chova


Incendio en Cangas
 
A fin de semana da ponte do Pilar de 2017, máis de 150 incendios estaban activos en diferentes puntos da nosa comunidade autónoma e catro persoas perderan a vida por mor das lapas. Na noite do domingo, unhas poucas gotas de choiva viñeron paliar en parte o que xa se está a cualificar como un suceso dramático, mais o luns aínda permanecían activos 60 lumes. Ao mesmo tempo que isto sucedía, o mes de outubro comezou con 500 brigadistas de incendios menos, unha vez que o continxente de reforzo con que se contaba para o período de verán rematou o seu contrato. Ante este panorama tan negro, un mira para as administracións públicas preguntando por que e elas responden apuntando entre as causas probables desta catástrofe a combinación de bo tempo e vento, a irresponsabilidade dos incendiarios e a presenza de vivendas preto das zonas boscosas. A culpa parece ser das circunstancias, os gobernantes só pasaban por aí e todos eles repiten coma un mantra o moito que fan, omitindo o que deixaron de facer.
Galicia pasou nas últimas décadas de ser unha sociedade de economía centrada no rural a case abandonar o agro, que se converteu tan só nun lugar de residencia, no mellor dos casos. O escaso prezo dos produtos que xera o campo, entre os que se atopa a madeira, está detrás desa fuxida cara ás vilas e cidades en busca de mellores oportunidades. Pero as plantas medran e, se non se coidan, a maleza invade todo. Ademais, a maior parte das árbores no noso concello son eucaliptos e piñeiros de pouco valor, que arden con moita facilidade e cuxa limpeza resulta cara e non sempre doada. A isto hai que engadirlle unha crecente permisividade construtiva, chegando a levantar casas e mesmo urbanizacións enteiras en pleno monte. Con estes vimbios, a mecha está posta. Un outono seco e ventoso axudou a prendela. E agora tan só nos queda poñer unha vela a un santo para que siga chovendo?

Diante deste panorama tan deprimente, a culpa bótaselle sempre ao outro. Un ano máis, seguimos sen cambiar o paso porque non vemos onde tropezamos unha vez e outra. Coma en tantos outros problemas de alcance, aquí hai responsabilidades compartidas. Ti por min e a casa por barrer: uns por non facer cumprir sempre a lei e outros por non cumprila en moitos casos. Arde o monte e a culpa lévana os incendiarios, mais tamén nós colaboramos ao longo dos anos, co descoido e a axuda dos elementos, a crear unha situación favorable para que arda. Quizais aplicando algo de sentidiño e unidade de acción a cousa cambiase.

Tradicionalmente, os labregos rozaron os seus montes na procura de mulime para os animais e leña para quentárense, e o monte estaba limpo. O bosque pode xerar biomasa e madeira se se crean as condicións, pero tamén transformarse nunha bomba en potencia, sobre todo nas zonas habitadas, se o abandonamos. Agora, as administracións teñen a obriga de recapacitar e converterse en aliadas dos titulares das parcelas para, xuntos, facilitar as tarefas de manter coidadas as súas propiedades e así xerar maior riqueza para o país. O incendio devastador non adoita ser máis que a consecuencia catastrófica do desleixo e a falta de conservación do noso patrimonio forestal, polo que cómpre inverter esta situación creando brigadas locais de limpeza de montes, do mesmo xeito que existen brigadas contra incendios forestais, que traballen man con man cos particulares. A choiva, que pode apagar as brasas, non vai cambiar as causas que as provocaron nin tampouco as súas consecuencias.
 

martes, 26 de setembro de 2017

Loita contra a avespa asiática*


As especies invasoras, coma o caso da avespa asiática, teñen polo xeral unha gran capacidade de adaptación e de dispersión. Os métodos de loita deben respectar o resto de fauna e flora e non eliminar outras especies locais, coma pasa cando se usan fortes velenos que matan as abellas, as avespas autóctonas e outros insectos. A procura dunha solución parece que pasa por elaborar un programa de loita que sente na mesma mesa de traballo as diferentes administracións públicas, os representantes dos apicultores e os científicos para, entre todos, poñer en marcha un plan con medidas de vixilancia, prevención e loita contra esta especie. Á espera de que se descubran novos métodos de loita eficaces, convén ter en conta as seguintes recomendacións.

-Hoxe en día non existe ningunha trampa que sexa realmente selectiva para cazar só velutinas ou só raíñas desta especie.

-Cada niño pode ter máis de 500 femias capaces potencialmente de se reproduciren: a morte das fundadoras pode estimular o proceso reprodutivo doutras.

-Unicamente en caso de ataque ás abellarizas, é cando se deben colocar trampas preto das colmeas entre xuño e outubro-novembro.

-É posible reducir o estrés das abellas cubrindo as colmeas cunha malla metálica ou cunha rede de pesca.

-A destrución de niños resulta o método máis eficaz para diminuír a poboación de avespas asiáticas. Deberá facerse durante a noite ou ao amencer, cando están todos os individuos dentro. De realizar a destrución do niño durante o día, as avespas que queden fóra botarán varios días anoxadas e acabarán construíndo axiña outro niño preto do primeiro.

-A mellor técnica de destrución consiste nunha pértega telescópica a través da cal se inxecta un insecticida no niño, que logo se ha de queimar. Outra opción é envolver o niño cun saco, sempre que sexa accesible e se conte co equipamento adecuado.  Ultimamente tamén se están a utilizar drons para a fumigación dos niños.

-Recoméndase chamar ao servizo de emerxencias e protección civil para que se encargue do traballo de fumigación, recollida e destrución de niños de forma segura.

-Uns parasitos dalgunhas especies de mosca, así como algúns vermes, unha vez que entran en contacto coas velutinas, poden chegar a reducir a súa poboación á metade ou mesmo producir a desaparición de colonias enteiras. Tamén se está investigando con certo tipo de fungos que, mesturados cun líquido atraente, acaben matando estas avespas.

-As abellas europeas, igual que fan as súas primas asiáticas, están a desenvolver un sistema de defensa contra ataques ocasionais consistente en formar unha piña arredor da velutina coa intención quentala ata os 45 graos, temperatura que as abellas soportan e a avespa non, polo que acaba sucumbindo.

Para rematar, recollemos unhas imaxes nas que se poden apreciar diversas técnicas artesanais empregadas polos apicultores para protexer as súas colmeas dos ataques das avespas asiáticas.






























































































































































































































______________

* A información deste artigo está tirada de http://frelonasiatique.mnhn.fr/lutte/

En Francia, existen diversas institucións traballan en proxectos de investigación e actividades relacionadas coa loita contra a avespa asiática. A xeito de exemplo, poden consultarse as seguintes ligazóns:




luns, 25 de setembro de 2017

A avespa asiática ou a pasividade da administración


En Galicia hai unhas 120.000 colmeas que producen unhas 1400 toneladas de mel ao ano, moi valorado pola súa calidade.

Dez avespas asiáticas abondan para eliminar unha colmea.

As avespas velutinas ameazan a polinización que realizan as abellas, cun valor estimado en máis de 300 millóns de euros anuais.





 

 
 


A expansión da avespa asiática ou velutina está a converterse nunha praga moi difícil de erradicar que pode chegar a ser un problema de saúde pública. Estes insectos chegaron a Francia en 2004 procedentes do sueste asiático nun barco de carga comercial e deste entón comezaron a estenderse, primeiro por territorios do país veciño con climas similares ao seu e desde 2010 polo norte de España ata chegar a Galicia nos últimos anos, onde xa se instalaron en máis de dous centos concellos. Esta avespa caracterízase polo seu gran tamaño (pode chegar aos catro centímetros de lonxitude), pola súa estrutura corporal extraordinariamente robusta e, sobre todo, por ser un depredador implacable que non ten inimigos naturais. Aliméntase, dependendo da época do ano, de froita madura, néctar das flores, diversos azucres e tamén recolle todo tipo de proteínas procedentes de restos de carne ou de pequenos insectos que caza. Entre eles, as abellas son os seus preferidos, tanto porque viven agrupadas en grandes colonias, como porque lles resultan moi doadas de capturar e pola proteína que lles proporcionan para a alimentación das súas larvas.

En Ames empezaron a verse as primeiras velutinas hai tres ou catro anos e arestora a súa presenza empeza a ser masiva debido sobre todo ao clima favorable, á gran cantidade de grandes árbores de folla perenne nos que acostuman a facer os seus niños, que poden chegar a almacenar uns 18.000 individuos, e a que non se están a combater de xeito sistemático. Ao mesmo tempo que elas se expanden, a produción de mel no noso concello vai baixando ano tras ano polos ataques aos que se ven sometidas as abellas. Acosan as abellarizas desde febreiro-marzo en que empezan a construír os seus niños primarios ata que chega o frío do outono e abandonan os niños secundarios para pasar o inverno na terra. As abellas, atemorizadas, deixan de recoller néctar, pole e mesmo auga, polo que ao teren menos alimento de calidade as raíñas poñen menos ovos, as colmeas debilítanse e producen menos mel. As colmeas pouco poboadas e mal alimentadas corren un gran risco de morrer durante o inverno, ou antes se continúa durante todo o verán e parte do outono a depredación por parte das avespas asiáticas.

Vista a dimensión deste problema, cómpre coñecer as actuacións das nosas institucións para combatelo. Máis de 5000 retiradas de niños e 13.000 chamadas de alerta ao teléfono de información 012 deberían ser suficientes para considerar a expansión da avespa asiática un asunto no que implicarse de cheo, como parece que se está a facer en varios países europeos contra outro insecto que enferma as oliveiras. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou en 2014/2015 unha estratexia de xestión, control e posible erradicación, seguida no papel por varias comunidades autónomas. En Galicia, replicando o texto de Madrid, cóntase desde 2016 cun programa específico de vixilancia e control, máis informativo que executivo, centrado no control e eliminación de niños  a partir de que a cidadanía chame aos teléfonos 012 ou 112 para avisar da súa presenza. Danse as circunstancias de que non se conta cos medios axeitados para resolver situacións complicadas, como cando os niños están a moita altura; de que ás veces os encargados de retirar cada niño poden tardar ata quince días en facelo; e de que no mes de setembro xa non retiran máis niños á espera de que desaparezan sos co mal tempo. Desde o Concello de Ames realizouse en 2017 unha pequena campaña de distribución gratuíta de trampas e líquido atraente entre a poboación. Neste municipio, o servizo de emerxencias e protección civil con sede en Brión elimina os niños logo dunha chamada ao teléfono 629871542 ou directamente ao concello (981803002). Tamén existen varias empresas privadas que retiran cada niño cun prezo a partir de 60 €, dependendo da dificultade do traballo.

Pero todo o anterior é insuficiente, pois non só a poboación de velutinas medra de forma exponencial ano tras ano achegándose cada vez máis a espazos habitados, senón que tamén se trata dunha especie cuxas picaduras poden resultar moi perigosas para as persoas. Ante este panorama, os apicultores e o conxunto da poboación están a tomar a iniciativa adoptando solucións propias para capturalas, ningunha das cales resulta completamente eficaz. O habitual consiste en colocar trampas máis ou menos caseiras de diverso tipo, que consisten polo xeral en recipientes con algún alimento ou líquido atraente dentro e con pequenas aberturas que permiten a entrada das avespas, que logo non atopan a saída. Tamén se chegaron a cubrir as colmeas con mallas metálicas ou con redes de pesca cunha única abertura frontal, para protexelas dos ataques verticais destes depredadores. Entre as últimas solucións coñecidas, destacan en primeiro lugar uns parches de insecticida derivado da nicotina e outros matainsectos moi prexudiciais para as abellas. En segundo lugar, está a investigarse o uso dun fungo que, mesturado con algún líquido con feromonas, atrae e atrapa estas avespas. E, finalmente, os científicos idearon unha arpa eléctrica, que consiste nunha estrutura de fíos paralelos colocada cerca de cada colmea que permite o paso libre das abellas, pero non o das velutinas, que morren electrocutadas ao tocaren coas ás dous fíos contiguos ao mesmo tempo. En situacións extremas, hai quen non dubida en chamuscar o niño cun soprete cando está á man ou mesmo en dispararlle un tiro de escopeta cando se atopa a moita altura.

No escenario actual, contrasta a rápida expansión deste insecto coas escasas medidas institucionais para freala, co pobo como primeiro e máis importante axente de contención. As necesidades de futuro pasan por que as administracións tomen a iniciativa fronte a esta invasión e lideren a loita, á parte de que a xente siga comunicando cada incidencia. Máis en concreto, bótase de menos que se execute:

-Un auténtico plan ou protocolo eficaz de actuación, que naza desde os estados afectados da Unión Europea e vaia conectando, de xeito reticular, todas as administracións públicas afectadas (administración xeral do estado, comunidades autónomas e entidades locais).

-Medios humanos, materiais e económicos suficientes ofrecidos desde as institucións públicas para abordar esta praga deste todos os puntos de vista: información, control, vixilancia, loita, etc.

-Coordinación das actuacións que se leven a cabo nas diferentes entidades para abordar o problema de forma global e non só parcial, aglutinando esforzos, iniciativas e recursos.

-Moito maior apoio aos proxectos de investigación dirixidos a elaborar solucións efectivas, baratas e fáciles de utilizar, como substancias químicas atraentes que resulten radicalmente eficaces para a solución deste combate desigual.

 



Preparación dunha trampa caseira

-Partir unha botella de plástico de litro e medio un pouco por riba da metade, conservando a parte superior co tapón, e abrir algún pequeno oco na parte inferior cara a arriba.

-Botar na botella un vaso de cervexa (mellor, negra); un vaso de viño branco ou de vinagre (para que non vaian as abellas); e un chorro de zume de grosella, de framboesa ou da froita que se teña á man.

-Tapar coa parte de arriba da botella colocada do revés.

-Colocar a trampa pendurada dunha árbore, dun balcón ou preto das colmeas.
 







 
 
 



 

 

 

 

 

 

xoves, 29 de xuño de 2017

Problemas no colexio de Barouta




Ames é un dos poucos concellos de Galicia cun índice de natalidade positiva. O feito de que en Ames nazan e vivan moitos nenos e nenas debería ir acompañado do incremento no número de colexios para todos os niveis educativos ou, polo menos, de que os existentes cubran as demandas crecentes de escolarización. Pero non é así: os centros están masificados e algúns nin sequera poden recibir o alumnado da contorna, en especial nas primeiras idades, cando máis falta fai un colexio próximo. É o caso do CEIP de Barouta, que nos vindeiros tres anos vai deixar de recoller, aínda que lle corresponte por zona, os escolares que saian da escola infantil de Covas porque está saturado. E, no sitio de ampliar a súa capacidade, perden as aulas de informática, de idiomas e mais a sala de ximnasia para seren usadas con outras finalidades.

Cómpre que a Administración educativa tome conciencia desta necesidade e habilite novas aulas no CEIP de Barouta, non só para que este centro poida recoller todo o alumnado da zona, senón tamén para que aumente a súa capacidade habilitando unha segunda aula de educación primaria recuperando, así mesmo, todos os recursos humanos e materiais que está a perder e, así, ofrecer o mellor servizo educativo posible.

A asociación de nais e pais do CEIP de Barouta anima a todas as persoas a asinar este escrito de apoio á causa exposta no parágrafo anterior. O documento asinado pode deixarse na farmacia de Augapesada.