martes, 2 de maio de 2017

A comunicación eficaz ou a importancia de facer





Boa parte do que facemos é comunicación, oral ou escrita, con palabras ou sen elas. Comunicar é transmitir mensaxes aos demais de forma clara e entendible, sendo receptivos ás súas propostas e integrándoas nas nosas para lograr convencelos. Estamos a falar da competencia máis transversal do ser humano, aquela que integra coñecementos (saber), habilidades (facer) e actitudes (querer facer). Para activala, é necesario saber de que falamos, poder aplicar o que temos na mente e poñer en marcha unha actitude adecuada para desenvolvelo de xeito adecuado. En definitiva, na comunicación actívanse as partes cognitiva, de aplicación práctica e emocional da persoa.
O triángulo saber-facer-querer sitúa como elemento central a parte práctica, a xestión, clave para lograr o éxito en calquera empresa colectiva. Como dicía Goethe, “non abonda con saber, débese tamén aplicar. Non é suficiente querer, tamén se debe facer”. Na parte de obrar interveñen, ademais dunha boa comunicación, a capacidade de liderado, o traballo en equipo, o compromiso e a adaptación ao cambio. Así mesmo, debemos xestionar ben os conflitos, planificar, fomentar a innovación e a creatividade, a aprendizaxe e o pensamento estratéxico. Manexando ben estas dez pezas, estaremos en condicións non só de construír, senón tamén de difundir un proxecto sólido e duradeiro.

Antes de pasar á acción, cómpre saber como temos que proceder na práctica comunicativa. Algunhas preguntas básicas poden axudarnos a despexar dúbidas: que imos facer?, como o queremos facer?, cando o pretendemos realizar?, hai alguén máis implicado no proxecto?, quen o vai revisar?, etc. Ao traballar en grupo, todos os membros deben asumir os fins, os valores e os retos do proxecto conxunto; compartir obxectivos e definir tarefas comúns. A planificación estratéxica, trazada a través dun proceso participativo das persoas implicadas, está detrás dunha boa aplicación práctica, avaliando as condicións de cada alternativa, diferenciando fins e medios para conseguir estes fins, considerando recursos, prioridades e escollendo un procedemento para realizar o planificado. Se hai unha boa estruturación da actividade, logo será máis fácil explicarlla aos demais.


A comunicación proactiva pode determinar, en definitiva, a clave do éxito daqueles proxectos colectivos que levamos a cabo. Transmitimos mensaxes, non só a través do que dicimos, senón tamén de como o dicimos ou, mesmo, do que non dicimos. Hai silencios máis expresivos que moitos discursos. Comunicar tamén implica facer entender que comprendemos as necesidades dos outros e, mesmo, que camiñamos na mesma senda ca eles. Pola contra, ser incapaz de comunicarse, ou facelo mal, nunhas ocasións implica truncar un vínculo (afectivo, de interese, de proximidade, etc.), mais outras chega a colocar os receptores en oposición ao emisor por un simple efecto rebote forte ao que non se comprende porque non se soubo transmitir ben. Polo tanto, arredarse das mensaxes directas e sinxelas ou comunicar sen seguir o sentido común son elementos que apuntan ao fracaso. Canto deberían aprender os nosos políticos destas eivas!

 

xoves, 20 de abril de 2017

Un modelo de concello aberto


 


 

De que maneira nos queremos organizar como comunidade do rural? Cada habitante na súa casa, pechado entre bloques de formigón coma nun piso? Ou nunha comunidade aberta na que a veciñanza fai seus os problemas do resto e onde a maioría participa en actividades colectivas polo ben do grupo? Non nos enganemos. Hai xente que prefire o primeiro modelo. Ao modelo pechado só lle fai falta unha chave para vivir entre catro paredes. O modelo de portas abertas, polo que nós apostamos, require que interveñan outros axentes a diferentes niveis e en distintos ámbitos. Logo, nun recolles o pouco que sementaches e no outro todas as persoas sementan na mesma leira, a leira dunha sociedade cooperadora, e os beneficios reverten en todas por igual.

A xestión dos asuntos colectivos no ámbito municipal é unha tarefa ardua. Os responsables políticos elixidos nas urnas deciden sobre os proxectos públicos, pero non deben facelo ao chou nin de costas ao pobo. As organizacións sociais e a cidadanía en xeral teñen que esixirlles aos poderes públicos que se escoiten as súas opinións, que se recollan e negocien as súas críticas e que se consideren as súas propostas e demandas. O feito de compatibilizar a democracia representantiva co dereito á participación implica ir tendendo unha serie de pontes desde as institucións non sempre a gusto dos xestores públicos. Lograr que as institucións sexan permeables e transparentes á cidadanía vai implicar que funcionen mellor, pero tamén traerá como consecuencia unha certa transferencia de poder e responsabilidade dos asuntos públicos cara á xente que inquietará a algúns gobernantes.

A sociedade organízase arredor de grupos que tecen redes de contacto que lles dan estrutura. Os individuos non están sos, senón que se agrupan en familias, barrios, asociacións e noutros colectivos afíns que se interrelacionan a diferentes niveis. Coñecer estes movementos relacionais desde os poderes públicos, identificalos e activalos supón empezar a utilizar instrumentos de política social, onde o denominado terceiro sector, o entramado de organizacións da sociedade civil, cobra un papel central. Estamos a referirnos a entidades organizadas formalmente, independentes das administracións públicas, sen ánimo de lucro, con autonomía para tomar as súas propias decisións e cun forte grao de participación voluntaria entre os seus membros. Forman parte deste terceiro sector organizacións non-gobernamentais, cooperativas e mutualidades, fundacións e asociacións, así como outro tipo de entidades non lucrativas. Debe ser obxectivo das institucións e das políticas públicas impulsar este tipo de organizacións, así como implantar procesos de comunicación e participación destes actores sociais nas cousas públicas.

Para saber a posición actual en que se atopa o noso concello con respecto á súa comunidade, podemos situar as súas actuacións nun dos cinco principais enfoques de intervención comunitaria, que teñen dous elementos centrais: os xestores políticos e os axentes sociais. Nos dous modelos extremos só cabe a presenza dun destes actores: ben os políticos actuando de costas á cidadanía (escenario relativamente corrente), ben esta tomando todas as todas as decisións cos recursos de todos (case impensable no noso contexto). Dos tres modelos restantes, o central, ao que deberiamos aspirar, procura que ambos os actores compartan capacidade de toma de decisións de xeito máis ou menos equitativo. No cuarto, poida que o máis habitual, os poderes públicos toman todas as decisións, escoitando de cando en vez os problemas e as propostas da xente, que non sempre van ser tidas en conta. E o quinto, máis inclinado cara ao desenvolvemento comunitario, pode producir tensións nos xestores públicos ao perderen estes capacidade de decisión do destino dos cartos de que teñen que responder perante a cidadanía.

Cada vez máis, a participación está a ser considerada un referente da calidade de vida da comunidade. Son indicadores da saúde democrática das nosas institucións locais a cantidade e a calidade da información pública ofrecida, os medios empregados para acceder a esa información, os procesos de deliberación comunitaria establecidos e as súas implicacións, realizar consultas á cidadanía, avaliar todas as liñas de participación cidadá desenvolvidas ou avanzar na mellora continua destes procesos. Entre os mecanismos de participación que afondan nesta liña destacan os orzamentos participativos, os consellos cidadáns, os plans estratéxicos territoriais, as agrupacións de desenvolvemento local, as asembleas territoriais, as xuntanzas comunais, as plataformas cidadás, etc. Cada un deles ten sentido para repartir mellor os fondos públicos, para mellorar a vida dos habitantes ou simplemente para crear redes que se retroalimenten a través da información e o diálogo compartidos. En definitiva, cómpre mudar o estilo de xestión de arriba para abaixo e ir incorporando cada vez máis o estilo desde abaixo para arriba, abrir as portas das institucións e compartir os recursos de que se dispón de xeito que ninguén se sinta fóra do territorio no que vive.

  

martes, 21 de marzo de 2017

A política da posverdade



Que importa máis: a verdade, a mentira flagrante ou a verdade aparente? Dicir a crúa verdade pode incomodar en determinadas circunstancias polas consecuencias que comporta. Mentir abertamente non nos levará moi lonxe porque acabaremos caendo. Mais utilizar retrincos de verdade para adubialos a gusto e levar o discurso ao noso terreo, iso é outra cousa. Que algo aparente ser verdade pode resultar máis interesante e útil para os propios intereses que a verdade en si mesma. Ademais, todo o mundo di algunha mentira piadosa de cando en vez, non si?


Analicemos unha noticia de prensa para ilustrar o fenómeno da posverdade: “Críticas polo reparto dos 810.000 € do ‘catastrazo’ coa nova Fedarames” (El Correo Gallego, 9 de marzo de 2017). Ramón García Argibay, líder do partido político Pacto por Ames, nunha rolda de prensa convocada a xornada anterior para criticar a escasa achega de diñeiro ao rural no novo orzamento municipal, coincidindo co Día da Muller Traballadora, comeza a súa intervención lembrando que a muller traballadora amiense está “aínda” en peores condicións con este Goberno. Esqueceu dicir que un 8 de marzo de 2013, a secretaria do Concello asinara unha certificación relativa a unha moción pola que se censuraba o daquela rexedor no contexto dunha manifestación de varios centos de persoas producida días atrás contra o cobro retroactivo da taxa do lixo no rural, decidida polo Goberno do Partido Popular do que Argibay formaba parte nesa altura. Por esa malfadada decisión, moitas mulleres traballadoras verían minguados os seus ingresos de forma considerable.


Continúa a intervención criticando a aparición da Federación de Asociacións do Rural de Ames, que asinou o 24 de febreiro de 2017 un acordo co Goberno local para reinvestir no rural os 810.000 € que se prevén recadar en concepto de regularización catastral, asunto máis coñecido como ‘catastrazo’. As críticas céntranse en que esta organización non existe e en que é unha “mera pantomima entre Ames Novo e o Tripartito para xustificar o acordo de investimentos”. Óbviase ou ignórase que a federación está legalmente constituída desde 15 de febreiro de 2017, data en que as asociacións que a forman aprobaron os seus estatutos. Afírmase que é un instrumento político creado para asinar os orzamentos, cunha clara intención difamatoria sen fundamento ningún. E créase confusión presentando cifras diferentes coma se fosen a mesma: os 32.000 € mencionados de investimento, que proceden de fondos da Deputación Provincial, e os 810.000 € son a maiores do investimento ordinario que se realiza cada ano no rural, cantidade que non aparece por ningunha parte na noticia de Pacto por Ames.

En definitiva, que doado é barrer para a casa cando se manipulan os datos! Repetindo ata a saciedade argumentos cociñados, primeiro ante a prensa e logo polas parroquias para dar máis sensación de certeza e convicción. Creando falsos rumores e fomentando calumnias. Omitindo a parte da información que non interesa divulgar e evitando falar da totalidade dos asuntos, tan só pinceladas soltas. Mesturando datos de información con opinións propias negativas acerca do Goberno e dos seus novos orzamentos, datos dunha nova organización social de par de supostos manexos políticos, etc. Pero, onde está a verdade? O certo é que a verdade pouco importa, tan só interesa lograr unha determinada percepción social do que alguén quere presentar como ‘verdade’: a posverdade.

luns, 6 de marzo de 2017

Facer país


Creo que foi o matemático Enrique Vidal Abascal quen dixo que un e un non son dous, son once. Non cabe dúbida de que a unión fai a forza. Mais tamén parece evidente que a forza do grupo pode ir máis alá da que achega cada un dos seus membros. A metodoloxía holística estuda as distintas características do conxunto, fronte ás das partes que o compoñen, resultado non dunha simple suma, senón da complexa integración simbiótica das súas pezas. Os bos equipos reforzan as capacidades das persoas que os compoñen converténdoas en grandes logros colectivos e potencian sinerxias e habilidades pouco desenvolvidas individualmente. No extremo contrario, o reducionismo pretende limitar a explicación do conxunto analizando cada un dos seus elementos de forma máis ou menos independente. Existen teorías para todos os gustos, o resultado da experiencia é o que importa.
Vai para un ano que un grupo de amigos, representantes de varias asociacións de Ames, decidimos darlles ás nosas pequenas agrupacións unha maior proxección. A forza que nos une está clara: vivimos na aldea e compartimos necesidades similares. Tamén está ben definido o obxectivo estratéxico inicial: queremos ter voz propia perante as institucións e que elas nos consideren como parte do seu proxecto político. Se o asociacionismo actuou de amálgama, o noso instrumento motor foi a necesidade de participar nas cousas públicas. Así naceu o 15 de febreiro de 2017 FEDERAMES, a Federación de Asociacións do Rural de Ames, coa arela de aglutinar as inquedanzas dos oito mil habitantes que viven nas zonas rurais do concello.
Poida que facer país sexa moitas cousas, pero non a falta de compromiso perante os problemas da cidadanía, o camiño máis cómodo que ninguén debería coller porque non chega a ningures. A partir da implicación xurdiron proxectos, coma as teselas que conforman un mosaico. Os mil novecentos afectados pola regularización catastral aplicada en 2016 equivalían á cuarta parte dos habitantes do rural de Ames, nós mesmos vítimas do ‘catastrazo’, en moitos casos de forma inxusta. Así mesmo, fóronse vencendo vellos medos e prexuízos, abríndose as portas da política aos colectivos sociais. A maiores, os novos tempos crearon inéditos escenarios de participación nos asuntos municipais que animaron a cooperación achegando ideas e propostas de novo cuño. Sempre transmitindo a voz da xente que, lonxe de parecer invisible, leva a súa opinión clara e contundente ata onde esta debe chegar.

martes, 28 de febreiro de 2017

Acordo para a repartición do 'catastrazo'



O pasado 24 de febreiro, o Concello asinou un acordo coa Federación para a repartición no rural do importe recadado en concepto de regularización catastral. Este importe investirase a maiores do ordinario previsto para este fin destinado ás aldeas.
O montante inicialmente calculado era de 988.000 €, aínda que ao final se espera recadar un 18% menos, 810.000 € efectivos. Esta cifra vaise repartir, en principio, en tres anualidades entre 2017, 2018 e 2019 a non ser que se poida facer antes. A cantidade destinada a cada exercicio dividirase en dúas partidas, unha de 150.000 € para investimentos en infraestruturas de saneamento e similares e outra de 132.000 € para unha nova liña orzamentaria denominada “orzamento participativo”, de cuxas bases xa se facilitou un borrador.
Representantes das asociacións veciñais e representantes do Concello serán os encargados de decidir sobre o investimento das partidas anteriores. Así mesmo, o Goberno municipal comprométese a facilitar unha relación de investimentos previstos para o rural en 2017, a partir da cal se han computar as novas actuacións previstas.