xoves, 15 de decembro de 2016

CATASTRAZO: as asociacións piden unha nova reunión co Concello




O día 24 de outubro deste ano diversas asociacións mantiveron unha reunión con varios representantes do Concello para tratar das inquedanzas xurdidas arredor da taxa de regularización catastral. Nesta xuntanza, o alcalde asumiu varios compromisos, un dos cales foi buscar fórmulas, coa participación das asociacións, para que este incremento impositivo retornase á zona rural.
Pasados preto de dous meses desde aquel encontro, a cidadanía non ten coñecemento de ningunha iniciativa ou actuación municipal ao respecto. Ademais, as preocupacións acerca dun asunto que afecta a uns dous mil veciños de Ames foron salientadas nas reunións celebradas polas asociacións os pasados 10 de novembro e 13 de decembro.
En consecuencia, representantes das asociacións culturais ou veciñais Pedra do Fuso, O Corpiño, Trasmonte-Ames, San Pedro de Bugallido, Covas, Paravent, Piñeiro e A Mercé de Lapido solicitaron o día 14 de decembro unha nova xuntanza ao alcalde para tratar todos os detalles relacionados, primeiro, cos investimentos en xeral dirixidos ao ámbito rural para 2017; e, segundo, coñecer de boca dos edís os xeitos de artellar o retorno a este ámbito do importe que o Concello recadou ou ten previsto recadar polo cobro retroactivo debido á regularización catastral. Todos estes datos considéranse imprescindibles antes de abordar calquera proceso de participación veciñal referido á repartición do recadado a maiores pola regularización catastral.

martes, 8 de novembro de 2016

O catastro e o lixo: dúas formas de 'sangrar' a xente das aldeas



Primeiro apareceu o asunto do lixo: de entrada non había recibo para a zona rural de Ames e logo tocoulles pagar catro anos de atrasos a miles de usuarios. Despois chegou a regularización catastral: construcións novas ou cambios nas existentes non declarados á Dirección Xeral do Catastro supuxeron una sanción de 60 euros, a recualificación do valor da vivenda, dos anexos e da finca, así como pagar os atrasos doutros catro anos. Dous tributos, unha taxa e un imposto, cos que dúas Administracións públicas están a seguir a mesma estratexia.
O cobro da taxa do lixo foi decisión da Corporación municipal en 2012 para cadrar as súas contas. O imposto derivado da revisión catastral decidiuno Ministerio de Facenda en 2013, tamén para sanear as arcas dos concellos. As dúas actuacións parécense máis do que se diferencian, xa que mediante elas recae nunha parte da cidadanía unha carga impositiva extraordinaria que ingresa o Concello. E tamén en ambas é unha Administración a que toma a iniciativa de cobrar por un servizo que non cobraba, no caso do lixo, ou de subir moito máis o imposto de bens inmobles, no caso da contribución.
Cabe preguntarse qué clase de gobernantes temos, que pretenden resolver todos os problemas a base de subir a tributación. Algún pensa na xente? Algunha estratexia política vai dirixida a cobrarlle máis a quen máis ten e menos aos menos podentes? Ou a maioría colle pola vía do medio, cargando todo no lombo da veciñanza mentres se repite o mantra de que son decisións inevitables, culpa doutros ou impostas pola lei? Cal será a seguinte xogada? Ah! Si!: o recorte de 5.500 millóns de euros que lle impón a Unión Europea ao Estado español xa sabemos quén o vai pagar. Veremos cómo!


venres, 28 de outubro de 2016

A participación cidadá no ámbito municipal


A teoría
‘Participar’ significa tomar parte en algo. A cidadanía pode participar de moitos xeitos, de forma individual ou colectiva, nas institucións públicas. Centrándonos nas entidades que forman parte da Administración local, os concellos deberán establecer, mediante regulamento, procedementos e órganos adecuados para a participación dos veciños nos asuntos da vida pública local. A veciñanza pode exercer a iniciativa popular se vai apoiada polo dez por cento das persoas con dereito a sufraxio en concellos coma Ames. Os municipios poderán someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños. Ademais deberán impulsar a utilización interactiva das tecnoloxías da información e a comunicación para facilitar a participación e a comunicación coa cidadanía, así como favorecer o desenvolvemento das asociacións facilitándolles o uso dos medios públicos e o acceso ás axudas económicas para a realización das súas actividades. Isto é o que din a lei reguladora das bases de réxime local e mais a lei de medidas para a modernización do goberno local. A realidade adoita ir por outro lado.

xoves, 27 de outubro de 2016

CATASTRAZO: o Concello asume varias propostas das asociacións


 
A reunión do pasado 24 de outubro entre as asociacións e varios representantes municipais para tratar do problema da regularización catastral empeza a dar os seus primeiros froitos. Como recoñeceu o propio Concello na súa páxina web, catro das propostas das asociacións foron asumidas como súas polo Goberno municipal. Son estas:

1.       Informar con claridade sobre este asunto, en especial sobre a posibilidade de fraccionar ou aprazar os pagamentos.

2.       Investir na zona rural o importe recadado a través da regularización catastral do IBI.

3.       Asinar un convenio entre a Dirección Xeral do Catastro e o Concello e Ames para que este último lle transmita á outra as comunicacións que reciba da veciñanza en materia catastral.

4.       Ofrecer, desde o departamento de Urbanismo do Concello, os informes técnicos precisos para a mellor defensa dos usuarios afectados negativamente pola regularización catastral que presenten algún recurso.
Se ben a primeira das propostas xa se está a realizar mediante unha campaña, queda por ver como se materializarán as tres restantes. Cada unha delas adquire a súa relevancia particular: a cuarta, evitará que os reclamantes paguen a técnicos privados polos informes; a terceira impedirá que Ames se vexa afectado por futuros ‘catastrazos’; e, a segunda, servirá para facer algo de xustiza. É preciso evitar que esta última, cuxo importe se descoñece arestora, vaia disfrazada en forma de investimentos ordinarios necesarios para as zonas rurais, senón que se plasme en novas actuacións concretas distintas das que se realiza de maneira habitual neste ámbito.

martes, 25 de outubro de 2016

O Concello ofrecerá asistencia xurídica e técnica aos afectados polo ‘catastrazo’


Tamén se compromete a que o incremento pola revisión catastral retorne á zona rural


O luns 24 de outubro celebrouse en Bertamiráns unha reunión entre o alcalde, catro concelleiros e os representantes de varias asociacións co obxecto de tratar o problema da regularización catastral en Ames. O rexedor comezou amosando a súa oposición a esta medida procedente da Administración xeral do Estado e repasou as xestións realizadas polo Concello desde outubro de 2015 perante diversas entidades coa intención de mitigar os seus efectos, ata agora sen resultados positivos para as persoas interesadas. Mantense o cobro retroactivo a catro anos, non se ampliou o prazo para presentar alegacións e tampouco se conseguiron eliminar os xuros do tres por cento nos pagamentos fraccionados.
O alcalde aproveitou a xuntanza para anunciar unha campaña informativa centrada no pagamento fraccionado da contribución, con carteis e tarxetas postais que se enviarán a todos os domicilios. Logo de petición das asociacións, o presidente da Corporación ofreceu o apoio dos técnicos municipais a aqueles usuarios que o precisen, tanto en aspectos xurídicos como técnicos de urbanismo, sobre todo aos que teñan a intención de recorrer en vía administrativa ou xudicial por mor dunha cualificación incorrecta dalgunha construción ou por erros na medición da súa superficie. As asociacións tamén animaron os edís presentes a asinar un convenio que habilite as oficinas municipais a tramitar futuras declaracións de modificacións catastrais, evitando así que a veciñanza teña que trasladarse ao Catastro cada vez que realice unha actuación, por pequena que sexa, para dala de alta.
Así mesmo, reclamouse que a carga impositiva que agora recae na súa maior parte no rural, volva dalgún xeito a esa zona. Os representantes municipais aseguraron que están buscando alternativas de retorno beneficiosas nas que ademais participe da xente. A maiores, adiantaron que no vindeiro Pleno do 27 de outubro se proporá a redución de ata o noventa por cento da contribución que afecta ás construcións en explotacións destinadas a usos agrogandeiros e forestais. Trátase, en definitiva, dun asunto complexo que transcende o ámbito municipal, pero no que o Concello debe manterse implicado, atendendo e axudando os dous mil veciños de Ames entalados neste atranco.

mércores, 19 de outubro de 2016

A forza que nos une

Manifestación convocada pola Plataforma do Lixo
As persoas e asociacións reunidas arredor desta idea facémolo co obxectivo de promover iniciativas sociais, económicas e culturais que beneficien as persoas de Ames. Tamén aspiramos a aglutinar os distintos colectivos deste municipio para converter a Federación de Asociacións de Ames en interlocutora entre a cidadanía e as distintas administracións públicas, en especial a municipal. En definitiva, coas nosas actuacións buscamos mellorar a calidade de vida de todos habitantes amienses.

O noso lazo de unión naceu dun problema xurdido en 2012: o cobro retroactivo do lixo no ámbito rural ata os catro anos anteriores. Creouse a Plataforma do Lixo arredor de quince asociacións que reivindicaban frear este xeito tan cru de sanear as contas do Concello por conta da cidadanía. A loita foi moi desigual, mais, co apoio do pobo e a participación de todos os representantes da oposición, pelexamos en ámbitos administrativos e xudiciais, e conseguimos que desde a xudicatura se recoñecese a deficiente xestión do asunto e tamén que desde o Concello se rebaixase á metade a taxa do lixo no rural para os vindeiros anos. Pero o logro máis importante foi a unión de toda a xente fronte a unha medida puramente recadatoria da Administración.
No outono de 2015, apareceu un novo asunto de bastante máis envergadura que o anterior. A chamada regularización catastral dos propietarios de terras e casas foi outro xeito máis de incrementar os ingresos municipais, nesta ocasión planificado desde Madrid. En moitos casos, palletes, galiñeiros, cenadores, beirís, adegas, casetas, porches e outros pasaron a se considerar parte da vivenda, o que aproveitou o Catastro para incrementar o número de metros construídos e actualizar (ou sexa, subir) a valoración do conxunto tamén catro anos para atrás. No outono de 2016 comezaron a chegar os primeiros recibos e, en paralelo, as reunións dos representantes das asociacións involucradas. Nisto estamos e esta é a forza que nos une: mirar polo ben do conxunto de persoas que forman a comunidade de Ames.


martes, 18 de outubro de 2016

Fibra óptica


 
Durante o final do verán e primeiros de outono de 2016 estanse a colocar novos cables de fibra óptica por varias zonas rurais do concello de Ames para substituír os vellos cables de cobre usados por Movistar (Telefónica).
 

venres, 14 de outubro de 2016

Regularización catastral


 
O Catastro está regularizando as vivendas, outras construcións (palletes, adegas, galiñeiros, cenadores, casetas, porches, etc.) e mais as fincas onde están situadas no caso de que se producise algunha obra ou cambio construtivo que non lle fose comunicado ao propio Catastro.

martes, 11 de outubro de 2016

Acordos da última xuntanza



 
O luns 17 de outubro de 2016 ás 20.30 h celebrouse no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) unha reunión previa á constitución da Federación de Asociacións de Ames.
 
Reunidos os representantes das asociacións culturais ou veciñais Pedra do Fuso, O Corpiño, Trasmonte-Ames, San Pedro de Bugallido, Cobas, Paravent, Piñeiro e A Mercede de Lapido, adoptáronse os seguintes
 
Acordos
 
1. Dar os primeiros pasos para constituír a Federación de Asociacións de Ames.
2. Solicitar unha reunión co alcalde para falar dos problemas xurdidos arredor da regularización catastral.