Tamén se compromete a que o incremento pola revisión catastral retorne
á zona rural
O luns 24 de outubro celebrouse en Bertamiráns unha reunión entre
o alcalde, catro concelleiros e os representantes de varias asociacións co
obxecto de tratar o problema da regularización catastral en Ames. O rexedor
comezou amosando a súa oposición a esta medida procedente da Administración xeral do Estado e repasou as xestións realizadas
polo Concello desde outubro de 2015 perante diversas entidades coa intención de mitigar os seus efectos, ata agora sen
resultados positivos para as persoas interesadas. Mantense o cobro retroactivo a
catro anos, non se ampliou o prazo para presentar alegacións e tampouco se
conseguiron eliminar os xuros do tres por cento nos pagamentos fraccionados.
O alcalde aproveitou a xuntanza para anunciar unha campaña
informativa centrada no pagamento fraccionado da contribución, con carteis e
tarxetas postais que se enviarán a todos os domicilios. Logo de petición das
asociacións, o presidente da Corporación ofreceu o apoio dos técnicos
municipais a aqueles usuarios que o precisen, tanto en aspectos xurídicos como
técnicos de urbanismo, sobre todo aos que teñan a intención de recorrer en vía
administrativa ou xudicial por mor dunha cualificación incorrecta dalgunha
construción ou por erros na medición da súa superficie. As asociacións tamén
animaron os edís presentes a asinar un convenio que habilite as oficinas
municipais a tramitar futuras declaracións de modificacións catastrais, evitando
así que a veciñanza teña que trasladarse ao Catastro cada vez que realice unha actuación,
por pequena que sexa, para dala de alta.
Así mesmo, reclamouse que a carga impositiva que agora recae
na súa maior parte no rural, volva dalgún xeito a esa zona. Os representantes
municipais aseguraron que están buscando alternativas de retorno beneficiosas nas
que ademais participe da xente. A maiores, adiantaron que no vindeiro Pleno do
27 de outubro se proporá a redución de ata o noventa por cento da
contribución que afecta ás construcións en explotacións destinadas a usos
agrogandeiros e forestais. Trátase, en definitiva, dun asunto complexo que transcende
o ámbito municipal, pero no que o Concello debe manterse implicado, atendendo e
axudando os dous mil veciños de Ames entalados neste atranco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario