mércores, 19 de outubro de 2016

A forza que nos une

Manifestación convocada pola Plataforma do Lixo
As persoas e asociacións reunidas arredor desta idea facémolo co obxectivo de promover iniciativas sociais, económicas e culturais que beneficien as persoas de Ames. Tamén aspiramos a aglutinar os distintos colectivos deste municipio para converter a Federación de Asociacións de Ames en interlocutora entre a cidadanía e as distintas administracións públicas, en especial a municipal. En definitiva, coas nosas actuacións buscamos mellorar a calidade de vida de todos habitantes amienses.

O noso lazo de unión naceu dun problema xurdido en 2012: o cobro retroactivo do lixo no ámbito rural ata os catro anos anteriores. Creouse a Plataforma do Lixo arredor de quince asociacións que reivindicaban frear este xeito tan cru de sanear as contas do Concello por conta da cidadanía. A loita foi moi desigual, mais, co apoio do pobo e a participación de todos os representantes da oposición, pelexamos en ámbitos administrativos e xudiciais, e conseguimos que desde a xudicatura se recoñecese a deficiente xestión do asunto e tamén que desde o Concello se rebaixase á metade a taxa do lixo no rural para os vindeiros anos. Pero o logro máis importante foi a unión de toda a xente fronte a unha medida puramente recadatoria da Administración.
No outono de 2015, apareceu un novo asunto de bastante máis envergadura que o anterior. A chamada regularización catastral dos propietarios de terras e casas foi outro xeito máis de incrementar os ingresos municipais, nesta ocasión planificado desde Madrid. En moitos casos, palletes, galiñeiros, cenadores, beirís, adegas, casetas, porches e outros pasaron a se considerar parte da vivenda, o que aproveitou o Catastro para incrementar o número de metros construídos e actualizar (ou sexa, subir) a valoración do conxunto tamén catro anos para atrás. No outono de 2016 comezaron a chegar os primeiros recibos e, en paralelo, as reunións dos representantes das asociacións involucradas. Nisto estamos e esta é a forza que nos une: mirar polo ben do conxunto de persoas que forman a comunidade de Ames.


Ningún comentario:

Publicar un comentario